Noticias

• O CESGA MULTIPLICA A SÚA CAPACIDADE DE CÁLCULO COA ADQUISICIÓN DE NOVOS SUPERORDENADORES

O centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) leva xa varios anos prestando servicios de cálculo avanzado a unha extensa comunidade de usuarios. Actualmente está a implantar novos sistemas que permitirán atende-las crecentes necesidades de cálculo, estudiar problemas de maior envergadura e poñer en marcha novos proxectos de investigación. Os novos superordenadores permitiranlles ós usuarios realizar 2’5 trillóns (2.500.000.000.000.000.000) de operacións matemáticas máis cada ano.

O Cesga leva case dez anos proporcionándolle soporte de
cálculo intensivo e comunicacións avanzadas á comunidade
científico-académica de Galicia e ó Consello Superior de
Investigacións Científicas (CSIC), así como ás institucións e
empresas galegas con actividade en I+D que o solicitan. A súa
capacidade de traballo depende directamente da envergadura
das computadoras coas que conta, que se está vendo
incrementada na actualidade por importantes adquisicións para
reforza-lo equipamento xa existente. O Secretario Xeral de I+D,
Miguel Ángel Ríos Fernández, presentou está mañán dou novos
superordenadores recentemente instalados no Cesga, en
Santiago. Coa instalación destes novos equipamentos, Cesga
múltiplica por tres a súa capacidade de cálculo. Trátas de dous
equipos Compaq da casa HP con arquitecturas ben
diferenciadas, que xuntos suman un total de 48 novos
procesadores, máis de 2.500 XigaBytes de disco e 88 XigaBytes
de memoria principal. A potencia combinada destas novas
máquinas e as xa existentes permitiralles ós usuarios realizar
máis de 135.000 millóns de operacións matemáticas por
segundo.

A comunidade de usuarios do Cesga componse actualmente
de 226 grupos de investigación, pertencentes a 104 institucións,
incluindo departamentos das Universidades Galegas, centros e
laboratorios de investigación da Xunta, centros e laboratorios do
CSIC, departamentos de I+D de empresas, complexos
hospitalarios dependentes do SERGAS, fundacións dedicadas
á investigación, etc. Os investigadores empregan a potencia de
cálculo do Cesga para realizar modelos e simulacións de
estados, procesos e fenómenos de todo tipo. Estes modelos
utilízanse para comprender mellor a natureza e poder predeci-lo
comportamento do obxecto de estudio. Os superordenadores
son ferramentas moi poderosas e de grande utilidade en
moitos campos. A proba é que os grupos de investigación que
levan a cabo os seus proxectos facendo uso dos
superordenadores traballan en áreas tan diversas como:
Meteoroloxía, Sismoloxía, Modelización Atmosférica, Física de
Partículas, Astrofísica, Deseño de Moléculas, Deseño de
Fármacos, Biofísica, Biomedicina, Biotecnoloxía, Bioinformática,
Xenómica, Proteómica, Nanotecnoloxía, Robótica,
Desenvolvemento de Software, Sistemas Expertos, Tecnoloxías
GRID, Novas Arquitecturas de Cálculo, Algoritmos de
Paralelización, Novos Materiais, Modelización Medioambiental,
Modelización Mariña, Epidemioloxía, Enxeñería Naval, Enxeñería
de Automoción, etc.
UNHA PEZA CHAVE
O CESGA inaugurouse no ano 1993 como Sociedade Anónima
de Xestión, participada nun 70 por cento do capital pola Xunta
de Galicia e no 30 por cento restante polo CSIC. O centro naceu
do compromiso da Xunta de promover servicios comúns de
apoio a investigación e do interese do CSIC por promocionar en
Galicia un contorno de traballo na área do cálculo intensivo.
Esta compañía científico-tecnolóxica, que ten como misión
favorece-la xeración de coñecemento para satisfacer intereses
científicos, tecnolóxicos e industriais, tornouse nos últimos
anos nunha peza chave do Sistema
Ciencia-Tecnoloxía-Empresa de Galicia.
Para cumpri-la súa función, o Cesga conta con infraestructuras
de computación, almacenamento masivo de datos e
comunicacións de altas prestacións. Estas infraestructuras
foron cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento
Rexional (FEDER), pola Xunta de Galicia, polo CSIC e pola
Comisión Interministerial de Ciencia y Tecnología (CICYT).
Ata a chegada dos novos servidores, que entraron en
producción no pasado mes de xuño, o Cesga dispoñía de catro
equipos de computación de altas prestacións cunha potencia
pico total de 45’9 XigaFlops. “No período de aproximadamente
un ano”, explica o director do Cesga, Xabier García Tobío, “o
centro ten previsto substituír aqueles equipos, que quedarán
obsoletos tecnoloxicamente despois dun período de explotación
de alto rendemento, por outro equipamento actualizado e de
maior capacidade de cálculo”.
Ademais de prestarlles servicios ós seus usuarios, o Cesga,
xunto coas Universidades galegas, traballa e experimenta coa
tecnoloxía GRID dende hai tres anos. Esta tecnoloxía permitirá
interconectar equipos de cálculo dispersos e aunar a súa
potencia de computación para resolver problemas de alta
complexidade. Como afirma Xavier García Tobío, “esta
experiencia facilitou a incorporación do Cesga ó proxecto
CROSSGRID, correspondente ó V Programa Marco da Unión
Europea. A oportunidade de traballar neste Consorcio, no que
participan vinte laboratorios de once países diferentes,
permítenos experimentar cos máis avanzados entornos de
cálculo intensivo, ademais de facilitarnos un foro idóneo para
debatir técnicas e opinións”. Segundo o director do Cesga, esta
colaboración permitiralles “estar en primeira fila cando as novas
capacidades de cálculo, procedentes desta tecnoloxía, estean
dispoñibles”.
UNHA REDE DE COMUNICACIÓNS PARA INVESTIGACIÓN
En colaboración con RETEGAL, institución dependente da
Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, o
Cesga xestiona a rede de comunicacións para investigación en
Galicia, a chamada Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia
(RECETGA). Trátase dunha infraestructura de comunicacións
propiamente galega que non depende de operadoras externas.
Actualmente, as operadoras, como provedoras de conectividade
e servicios de comunicacións, non dispoñen dunha oferta
competitiva como alternativa a RECETGA en canto á relación
precio/prestacións. O Cesga é o nodo en Galicia de RedIRIS, a
rede de comunicacións da comunidade científica española.
RECETGA é unha rede soportada por fibra óptica e
radioenlaces cun grande ancho de banda que nalguns tramos
chega ata 622 Mbps. En definitiva, trátase dunha rede de alta
capacidade na que se utilizan radioenlaces e fibra óptica como
medio de transmisión. Ademáis de proveer de servicios de
comunicacións á comunidade académica e de investigación en
Galicia, RECETGA ofrece un contorno tecnolóxico que posibilita
a Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+I) no
campo das comunicacións de altas prestacións na nosa
Comunidade.
O Cesga xestiona o tráfico en tódolos tramos de RECETGA,
mentres que RETEGAL leva a cabo as tarefas de mantemento
do equipamento físico que conforma a rede e que está
distribuído en múltiples puntos da xeografía galega
(radioenlaces, fibras ópticas, etc.).
As inversións realizadas nos equipos da rede foron
cofinanciados con partidas de fondos FEDER dedicadas a
investigación, fondos da Xunta e aportacións do CSIC.
Antes de que finalice o ano espérase que estea operativo o
Punto Neutro de Intercambio de Tráfico de Internet en Galicia,
GALNIX, que xestionará o Cesga e no que inicialmente
participarán Comunitel, Jazztel, R, Retevisión, Retegal e o propio
Cesga.

sxid, 2002-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (memoriachaira.jpg) O 8 de setembro, en Outeiro de Rei - Penas de Rodas, Cemiterio e Campa de Santa Sabela - , desde 2005, celébrase a "Memoria da Chaira enteira" na lembranza de Manuel María, no cabodano do seu pasamento, organizada pola Asociación Xermolos, de Guitiriz e a Irmandade Manuel María. Os actos comezarán ás 14,30 cun xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra, para seguir ás 17,00 cun recital nas Penas de Rodas, a cargo de voces amigas do Manuel que len anacos da súa poesía ou creacións propias na súa lembranza.
Foto de la tercera plana (presidenteoicinas.jpg) Estes espazos ofrecerán asesoramiento aos veciños que o precisen da man de técnicos da Xunta para axilizar a tramitación das axudas e para ofrecer a información sobre a situación . Concluíu o Presidente que haberá "rapidez en sacar axudas e rapidez en concedelas, e que a xente teña o diñeiro que precisa o antes posible".

Notas

Do 1 ao 15 de setembro desenvolverase esta acción dinamizadora nos concellos de Miño, Pontedeume, Poio, Meaño, Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros, A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán de Río As persoas consumidoras poderán rexistrar as súas compras nestes municipios a través da páxina web oficial da campaña ou directamente nos establecementos participantes co gallo de participar no sorteo de tarxetas prepago de 50 euros
O galardón, creado polo Instituto de Estudos do Territorio, pretende poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural, distinguindo aos municipios máis dinámicos neste eido.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES