Noticias

La USC lucha para que el proyecto Campus Vida sea declarado de Excelencia Internacional

El rector de la USC, acompañado por el conselleiro de Educación y los ministros de Educación y de Ciencias, defendió el proyecto Campus Vida en la segunda fase de la convocatoria de Campus de Excelencia Internacional.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la USC:

O proxecto Campus Vida, co que a USC concorreu á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional, materializa a visión que a institución compostelá ten das universidades no século XXI. Así o explicou o reitor Senén Barro na presentación do proxecto en Madrid diante dun comité internacional de expertos.

Nunha xornada inaugurada polos ministros de Educación e de Ciencia, Ángel Gabilondo e Cristina Garmendia, respectivamente, a presentación de Senén Barro foi a primeira dos dezaoito proxectos que conforman a segunda fase da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional. Asistiron ao acto máis de cincocentas persoas, xunto cos membro do Comité Internacional que completarán a súa avaliación nos próximos días. Acompañou ao reitor compostelán en Madrid unha comitiva integrada polo conselleiro de Educación, o alcalde de Santiago, o presidente do Consello Social da USC e unha importante representación de institucións e empresas que apoian o proxecto, entre os que se atopaban o presidente de Zeltia, José María Fernández Sousa, o director de Operacións de I+D de Laboratorios Esteve, Eduardo Valentí, e a presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, María Teresa Miras.

O 84% das universidades públicas españolas presentaron proxectos a esta convocatoria, así como practicamente un terzo das privadas (estas non optan ás axudas económicas). A USC co seu proxecto Campus Vida foi unha das universidades españolas mellor avaliadas na primeira fase desta convocatoria. O seu proxecto conta co apoio de varias institucións públicas e privadas. O Ministerio de Ciencia e Innovación, nunha convocatoria complementaria do Programa Campus de Excelencia Internacional correspondente ao Subprograma de I+D+i e Transferencia, concedeulle xa unha subvención de 4 millóns de euros. Deste xeito é, xunto coas Universidades Politécnica de Madrid e Autónoma de Barcelona, unha das tres mellor valoradas.

Campus Vida, ademais dun proxecto que vai mudar a faciana do campus universitario e a organización infraestrutural da investigación universitaria, “consolida a senda da excelencia internacional co obxectivo de situarse como un dos cen mellores biocampus do mundo, converténdose nun vector de crecemento económico e social para Galicia”, apuntou Barro na presentación.

O cambio que postula este proxecto no espazo universitario discorre de xeito paralelo ao desenvolvemento de cinco grandes obxectivos estratéxicos, que atenden ao talento de excelencia; á definición dun marco de I+D+i traslacional; á comunicación entre emprego, empresas e emprendemento; ao asentamento dunha universidade sostible; e do proceso de internacionalización.

En execución desde hai varios anos, o proxecto supón un redeseño do campus máis emblemático da USC, o Sur, e que constituíu na primeira metade do pasado século a aposta máis clara da USC para camiñar cara a unha universidade moderna e con impacto internacional. Como resumiu conceptualmente o reitor, Campus Vida é á vez Campus e ‘univercidade’ de excelencia internacional na educación superior, a investigación e o emprendemento, pensado para as persoas, comprometido co desenvolvemento sustentable e cun perfil singular en ciencias e tecnoloxías da vida.

O proxecto contempla a creación de novos centros docentes no ámbito das ciencias da saúde; unha Rede de Centros Singulares de Investigación; un ecosistema para a transferencia do coñecemento e a difusión da cultura emprendedora arredor do novo edificio Emprendia; así como a transformación urbanística, residencial, de integración urbana e de espazo natural, que suporá a recuperación dun campus para as persoas. Trátase de “gañar en sustentabilidade e calidade de vida para quen traballe, estude ou simplemente visite o coñecido actualmente como Campus Sur”, engadiu o reitor.

Apoian á USC nesta proposta, conformando unha agrupación estratéxica de organismo públicos e privados, o Concello de Santiago, o CSIC, o CIEMAT, o CHUS, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Feuga, o Cesga, o Banco Santander, e as empresas Esteve, Advancell, Nanogap, Neoker, Keramat, Mestre Lab e Galchimia. Ademais, o proxecto conta co aval da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a colaboración de Inditex, Zeltia, Almirall e Faes.

A área de Ciencias e Tecnoloxías da Vida da USC, na que se integran xa máis de 750 investigadores, capta anualmente unha media de 14 millóns de euros procedentes de actividades de I+D, na súa meirande parte de accións e proxectos competitivos. Esta actividade, que supón o 43 por cento das publicacións xeradas na USC, trasladouse á sociedade a través de 24 patentes e 7 spin-off creadas nos últimos tres anos.

Co horizonte fixado en 2015,a transformación do Campus Sur en Campus Vida suporá unha aposta sen parangón no Sistema Universitario Galego. En concreto, no presente ano Campus Vida conta xa coa Aula Docente Roberto Novoa Santos (a carón do CHUS), o edificio Emprendia e o Centro de Investigacións Biolóxicas (CIBUS), aos que hai que lles sumar a primeira fase da reformada Facultade de Bioloxía e do Xardín Botánico e a reforma do Auditorio da Universidade, entre outras.

De cara a 2012 Campus Vida verá concluída a rede de centros singulares de investigación cos de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), de Tecnoloxías da Información (CITIUS), de Investigacións Físicas (CIFUS) e de Ciencias e Tecnoloxías da Vida (CITEV). Ademais, acometerase o Centro de Biomedicina Experimental (CeBEGa), a nova Facultade de Medicina, a reforma das Facultades de Bioloxía e Química, das residencias universitarias e das instalacións deportivas, así como a reurbanización do Campus e a conclusión do novo edificio do Museo de Historia Natural Luis Iglesias. Xa en 2015 concluirán os traballos das Escolas de Enfermaría, Odontoloxía e Técnica Superior, e das facultades de Farmacia e Ciencias da Educación e do Edificio UXA.

R., 2009-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (20251022-parlamento.jpeg) A Xunta reclamará de novo en Bruxelas unha Política Agraria Común ben dotada, con financiamento suficiente e con fondos específicos e diferenciados, como ata o de agora, que permitan apoiar a renda dos agricultores e gandeiros e garantir o impulso ao desenvolvemento rural e afianzar as medidas de remuda xeracional. Así o avanzou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre este asunto e na que reiterou o rexeitamento de Galicia á proposta da UE para a vindeira PAC a partir de 2028, polo centralismo desta nova política, cunha arquitectura baseada nun fondo único para os estados membros que resulta lesiva para a nosa comunidade.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-ordenador.jpg) A Xunta porá en marcha no 2026 unha Oficina de Atracción de Talento que coordinará todas as medidas en materia de emprego destinadas aos galegos e galegas do exterior que deciden retornar para traballar na súa terra, así como as iniciativas dirixidas a favorecer a contratación planificada de persoas traballadoras de 3º países por parte de empresas da nosa comunidade. Deste xeito, Galicia consolidará un modelo propio que aposta por captar persoas traballadoras de xeito ordenado e sempre en base a un emprego de calidade -por conta allea ou emprendendo-.

Notas

El escritor lucense Jordi Cicely vuelve a las librerías casi cuatro años después con su segunda novela "El verano que volvió Sherezade" (Editorial Fanes) para contarnos una historia que transcurre en su pueblo de Friol y hablarnos de reencuentros, música de los 90, pasiones escondidas y sobre todo, el Trastorno Obsesivo Compulsivo que el autor padeció durante varios años de su vida y que ahora ve necesario hacerlo público y así normalizarlo.
A Universidade de Vigo, a empresa Ganadería Autóctona SL e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne están a desenvolver o proxecto Galdrón, centrado no emprego de drons para implementar un sistema de gandaría de precisión para vacúns e equinos criados en extensivo. O seu obxectivo é contribuír a modernizar a gandaría galega mediante o uso de tecnoloxías avanzadas e incrementar a súa eficiencia e sostibilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES