Noticias

La Real Academia Galega de Ciencias homenajea al geólogo Isidro Parga Pondal

Isidro Parga Pondal será el investigador homenajeado en el II Día do Científico Galego promovido por la Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Parga Pondal, considerado el geólogo gallego más importante, fue autor del primer Mapa Geológico de Galicia elaborado en 1963.

Nota de prensa remitida por la Real Academia Galega de Ciencias:

Isidro Parga Pondal será o investigador homenaxeado na II edición do Día do Científico Galego, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Parga Pondal, considerado o xeólogo galego máis importante de todos os tempos, foi o autor do primeiro Mapa Xeolóxico de Galicia, en 1963, ao que seguiron os correspondentes provinciais. A continuación, en 1970 publicou o Mapa Xeolóxico da Península Ibérica.
Na presentación da edición deste ano do Día do Científico Galego, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, interviñeron o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Ernesto Viéitez; o intelectual Isaac Díaz Pardo; e o neto do homenaxeado, Isidro Parga Menéndez-Manjón.

O Día do Científico Galego celebrouse por primeira vez en 2008 coa lembranza da figura do matemático Enrique Vidal Abascal e ten lugar cada 23 de abril, a data na que foi publicada en 1977 a constitución da RAGC no Diario Oficial de Galicia.

A RAGC quere consolidar o Día do Científico Galego como unha celebración de toda a sociedade de Galicia, ao mesmo nivel có Día das Letras galegas, festa de referencia da cultura na Comunidade. “A ciencia, como manifestación cultural de primeira orde, debe difundirse e divulgarse para que todos os cidadáns sexan conscientes do enorme potencial investigador que ten a comunidade galega, que conta con figuras internacionalmente recoñecidas desde hai moitos anos”, en palabras do presidente da Real Academia, Ernesto Viéitez Cortizo.

Con esta celebración, a comunidade científica galega quere homenaxear as figuras máis destacadas da súa Historia, difundindo a súa contribución para que a opinión pública poida percibir, a través dos exemplos máis destacados do pasado, o prestixio actual da investigación en Galicia e a necesidade de investir recursos nela para que o seu potencial sexa cada vez maior de cara ao futuro.

Parga Pondal

A elección de Parga Pondal como protagonista do Día do Científico Galego en 2009 foi aprobada por unanimidade polo pleno da RAGC. Na acta da reunión destácase “o seu carácter pioneiro na formación científica no estranxeiro, téndose formado en universidades de Alemaña e Suiza, a fundación do Instituto Mineralóxico de Laxe e a publicación do primeiro Mapa Xeolóxico de Galicia”. Ademais, tívose en conta que “baixo a súa dirección se formou un numeroso grupo de xeoquímicos non só nacionais senón tamén doutros países europeos”.

Parga Pondal é a máxima autoridade da Xeoloxía galega. “Foi o principal xeólogo que tivo Galicia e un dos mellores de España. Xa antes da guerra publicaba cos especialistas alemáns os problemas da xeoloxía galega. Se non fose pola guerra civil, Galicia tería a primeira universidade de Xeoquímica do mundo. Parga Pondal creou esa rama, creou a Xeoquímica”, asegurou Isaac Díaz Pardo, a quen Parga lle cedeu en 1978 a responsabilidade máxima no Laboratorio Xeolóxico de Laxe, fundado por el corenta anos antes. “O Laboratorio era unha Universidade internacional ao que viñan formarse científicos de toda Europa”, engadiu.

Parga Menéndez-Manjón fixo referencia a unha anécdota do seu avó precisamente relacionada con Díaz Pardo. “Un verán decidiron facer un mapa de Galicia de escaiola e Isaac suxeriu pintalo para que fose menos aburrido. O problema xurdiu cando houbo que elixir as cores, porque Isaac concibía que as propias do código da xeoloxía eran aburridas e o meu avó, que tiña un sentido artístico nulo, negábase a facer calquera variación”, asegura.

NoticiaO neto do homenaxeado agradeceu o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias, destacando “que teña lugar 23 anos despois da súa morte. Para min é unha satisfacción que se lembre a súa achega pasado tanto tempo”.

Isidro Parga Pondal naceu na localidade coruñesa de Laxe no ano 1900. Procedía dunha familia da burguesía galega de gran sona, xa que era sobriño neto de Eduardo Pondal e o seu avó era o médico hidrólogo Isidro Pondal.

Estudou o Bacharelato en Santiago de Compostela e a carreira de Ciencias Químicas en Madrid, onde se licenciou en 1922. En 1923 obtivo unha praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica e Analítica na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela. É nesa época cando aparecen os seus primeiros traballos sobre Xeoquímica, publicados na revista do Seminario de Estudos Galegos, do que foi membro desde 1924.

Parga Pondal converteuse nun dos innovadores máis importantes que tivo a USC. Chegou a impartir ata catro disciplinas diferentes e no seu haber quedou o cambio de relación entre alumnos e alumnas cos profesores, compartindo conxuntamente lecer instructivo, a incorporación da muller aos equipos de investigación e o achegamento das aulas compostelás á comunidade científica internacional.

Realizou estancias de investigación en Suiza e Alemaña, nun momento no que xa era un investigador galego recoñecido, preocupado pola aplicación científica á industria.

Regresou a Santiago en 1933. Coa creación do Laboratorio de Xeoquímica da Universidade de Santiago comezou as súas investigacións sobre xeoloxía de Galicia e formou aos primeiros xeoquímicos españois.
As súas ideas e a súa amizade con intelectuais como Castelao provocaron que ao comezo da Guerra Civil fose suspendido do seu posto de profesor, pechando así para sempre o capítulo da súa actividade docente na Universidade. Foi entón cando volveu a Laxe, onde asumiu a dirección técnica dunha empresa mineira para a explotación do caolín (Caolines de Lage S.A.) e, un pouco máis tarde, fundou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, no que traballaría até o seu retiro. Traballou tamén en Zeltia, desde onde comezou a industrialización do cemento galego.
Parga Pondal foi presidente honorario da Real Academia Galega de Ciencias e recibiu importantes distincións, como o Premio de Ciencias da Deputación Provincial da Coruña (1972), o Premio de Investigación da Universidade de Santiago e da Universidade Menéndez e Pelayo (1982), a Medalla Castelao e o doutoramento honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1983).
En 1978 morreron a súa muller e un
fillo, o que constituíu un gran golpe para el. Así, abandona o Laboratorio Xeolóxico de Laxe e cédello a Isaac Díaz Pardo, que o trasladou a Sada. Isidro Parga Pondal faleceu na Coruña en 1986.

Proxección da súa figura

Na actualidade levan o seu nome, ademais do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, o Instituto de Ensino Secundario de Carballo (A Coruña) e un Colexio de Educación Infantil e Primaria en Oleiros, tamén na Coruña.

NoticiaEn 2003 a Xunta puxo en marcha o programa máis importante de recursos humanos do Plan Galego de I+D+i: o Programa Isidro Parga Pondal, destinado a conceder axudas á contratación de doutores para a súa incorporación en organismos públicos e privados de investigación de Galicia. Desde a súa creación ata a actualidade beneficiáronse destas axudas 285 investigadores, dos que a maioría dos máis antigos continúan contratados grazas ás prórrogas concedidas nos últimos anos.

A RAGC

A Real Academia Galega de Ciencias centra a súa actividade no achegamento da ciencia á sociedade e no asesoramento ás autoridades en materia de investigación. Con base nestes obxectivos leva 32 anos organizando numerosas xornadas, cursos e conferencias científicas en toda Galicia, edita a súa propia revista científica, única no seu xénero en Galicia, e organiza anualmente os Premios de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias, nas modalidades de Traballo de Investigación e Investigadores Mozos, dotados con 15.000 y 9.000 euros respectivamente, e o Premio a un Traballo Publicado (ou en vías de publicación) na revista da RAGC, dotado con 3.000 euros.

R., 2009-04-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES