
Nota de prensa remitida por Agadic (Xunta de Galicia):
O Centro Dramático Galego (CDG) estrea o venres día 6 ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago As dunas, obra escrita ad hoc por Manuel Lourenzo Premio Nacional da Cultura Galega 2008 na categoría de Artes Escénicas e dirixida por Quico Cadaval. Autor e director suman os seus talentos creativos nesta nova produción da compañía pública á que ambos se refiren como un cabaré sobre o paraíso perdido, unha comedia cun destacado compoñente onírico que fala sobre especulación urbanística, corrupción, amor, desamor e sexo.
Proposto polo propio Manuel Lourenzo para levar a escena a súa obra, Quico Cadaval
recunca no CDG tralo éxito acadado a pasada temporada con Noite de Reis. Nesta
ocasión, o polifacético director ideou unha montaxe de teatro, danza e música en
directo, para a que conta cun elenco multidisciplinar do que forman parte tanto
nomes consagrados como novos valores da escena galega: Paula Buján, Evaristo
Calvo, Paulo Oliveira, Manuel Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, Juan Carlos
Mosquera Mos, Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. Completan o equipo
artístico Baltasar Patiño, no deseño do espazo escénico e da iluminación, Gilda
Bonpresa (vestiario), Armando Martén (coreografía), Bernardo Martínez (espazo
sonoro) e Hugo Torres como axudante de dirección.
A estética do espectáculo inspírase na cultura popular dos anos setenta,
especialmente nos filmes da chamada terceira vía (a medio camiño entre o cine
chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela e na fotonovela. O resultado, en
palabras do propio director, é unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un
pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa.
A acción transcorre na Mariña luguesa, nunha nave industrial en desuso onde son
convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio,
o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes
para animar a inauguración do free spa As dunas, un moderno balneario musical
que terá como destinatarios a amantes de praceres prolongados e integrará
actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por todo tipo de
refinados praceres do corpo.
Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga
noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais
lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e
para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación
das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos
dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo
depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali
Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das
relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que
se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.
As dunas permanecerá no Salón Teatro até o xoves 2 de abril con cinco funcións
semanais: os mércores e xoves ás 11.00 horas (agás os días 18 e 19) celebraranse
as representacións concertadas con centros de ensino, mentres que os venres e
sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas terán lugar as funcións para
público xeral. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro
dende dúas horas antes do inicio do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira
electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O
prezo das localidades é de 10 euros os venres e sábados (cun desconto do 40% para
estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o
domingo, día do espectador.
Tralas funcións en Santiago, o CDG iniciará a xira galega deste espectáculo que se
prolongará até o mes de maio e durante a visitará O Barco de Valdeorras (Teatro
Lauro Olmo, 17 de abril), A Coruña (Teatro Rosalía, 24 e 25 de abril), Vigo (Centro
Cultural Caixanova, 29 e 30 de abril), Tui (Teatro Área Panorámica, 8 e 9 de maio),
Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 14 e 15 de maio), Ourense (Teatro
Principal, 22 e 23 de maio), Narón (Pazo da Cultura, 29 e 30 de maio) e Ferrol
(Teatro Jofre, 13 de xuño).
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.