Noticias

1.500 jóvenes participan en el noveno encuentro informático Xuventude Galiza Net

El Palacio de Congresos y Exposiciones de Galicia, en Santiago de Compostela, acoge este encuentro que trata de humanizar y poner las nuevas tecnologías al servicio de las personas. El acceso de los mayores a la informática, la potenciación del software libre y la robótica son algunos de los principales atractivos del evento.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Vicepresidencia de la Xunta de Galicia:

Tras a apertura de portas e a identificación dos participantes, case todos os 1.500 internautas que participan na novena edición do Xuventude Galiza Net están xa conectados. Foi suficiente pouco máis de media hora para que todos os mozos e mozas ocuparan os postos nos que permanecen durante 52 horas no Pazo de Congresos e Exposicións de Galiza, en Santiago de Compostela. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, deu a saída a este encontro informático consolidado xa como un dos máis importantes a nivel estatal.

Quintana destacou o Xuventude Galiza Net como foro que busca facer partícipe á mocidade dos avances tecnolóxicos, de xeito que poidan afondar nos seus coñecementos e desenvolver a súa creatividade no campo da programación, o deseño gráfico ou os contidos multimedia. Pero máis alá deste primeiro papel, salientou que o encontro “busca tamén humanizar as novas tecnoloxías”, abríndoas a novos usuarios como os maiores e as persoas con discapacidade. Neste senso, apostou por “poñer as novas tecnoloxías ao servizo das persoas e do benestar, como mecanismo favorecedor da igualdade de oportunidades e de loita contra a exclusión”.

Como novidade, Xuventude Galiza Net 2008 incorpora este ano á intranet a 26 mozos con algún tipo de discapacidade procedentes de Lugo e de Mos, a través da colaboración coa Confederación Galega de Minusválidos (Cogami). Trátase de mellorar a súa integración e interacción cos demais participantes, fomentando o uso das novas tecnoloxías neste colectivo.

Para rachar coa fenda dixital, existe ademais un espazo dedicado especialmente ás persoas maiores, que poderán acceder ao mundo da informática a través de actividades específicas deseñadas para eles. Cen maiores procedentes de centros dependentes da Vicepresidencia, que durante o ano participan nas Ciberaulas, estarán conectados a internet entre as 12,00 e as 18,00 horas do sábado e do domingo. O obxectivo é promover un intercambio interxeracional entre os mozos e os maiores, facendo das novas tecnoloxías un nexo de unión e non unha barreira de separación.

O vicepresidente tamén sinalou que o foro racha cos estereotipos, coa aposta que fai polo galego como lingua da sociedade da información. Así, algunhas das novidades desta edición buscan potenciar e o uso da lingua galega neste campo, como xeito de normalizar o galego entre a xuventude. No mesmo camiño, os 1.500 participantes inscritos recibirán unha memoria USB que inclúe o sistema operativo Linux e Open Office en galego.

Ao respecto do idioma, Quintana lembrou que unha enquisa vén de recoller que preto dun 38% da poboación considera que a presenza de contidos galegos na Sociedade da Información é baixa ou moi baixa; e un 32% considera que, á hora de informarse, a dispoñibilidade de contidos en galego é importante ou moi importante. “Por iso tamén a través de Xuventude Galiza Net queremos contribuír a reforzar a presenza do noso idioma na rede e nas novas tecnoloxías”, engadiu.

Nesta edición, continúase ademais a liña de facer das novas tecnoloxías un mecanismo para o desenvolvemento persoal e profesional da xuventude. En XGN 08 estarán estes días responsables de empresas relacionadas coas novas tecnoloxías co obxectivo de que os participantes poidan presentar os seus currículos e facilitarlle así o acceso ao mundo laboral. Só no último ano, o número de empregados neste sector medrou un 29%, pasando de 11.900 traballadores en 2006 a 15.300 a finais do 2007.

Así mesmo, destaca a temática relacionada co software libre e tamén hai espazo para a robótica. Os asistentes ao XGN 08 poderán atoparse cun robot móbil da Universidade de Vigo, de nome RATO, que será o encargado de guiar polo recinto aos grupos de visitantes que acudan a esta cita. Este robot é capaz de moverse de forma autónoma por diferentes puntos do entorno a partir dun plano que el mesmo xera previamente. Conta cunha cabeza mecánica deseñada para interaccionar coas persoas e é capaz de mover diferentes partes da cara para facer máis expresiva a comunicación cos visitantes.

Pola súa parte, o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, destacou o grande éxito de participación nestas primeiras horas, así como o importante labor realizado polo amplo dispositivo de organización, que está contribuíndo a que todo transcorra con total normalidade. Cela destacou que o gran atractivo que este encontro ten para os mozos é o de intercambiar experiencias con rapaces cos que compartes as mesmas afeccións. Ao igual que nas edicións anteriores, Rubén Cela prevé un grande éxito para este noveno Xuventude Galiza Net.

As xornadas de conferencias comezaron cunha charla de “Presentación do Xuventude Galiza Net 2008”, que tivo lugar ás 12,00. Pola tarde celebraranse varias conferencias, a primeira ás 16,00 baixo o título “Navy Moves e WAM-UP: Un novo concepto de xogo, ás 17,30 celébrase a segunda das charlas que versará sobre “Ferramentas avanzadas de deseño en automoción. Realidade virtual e prototipo rápido”. A última das charlas desta xornada celebrarase ás 19,00 horas e versará sobre o despregue da TDT en Galiza. Durante a tarde iniciaranse os torneos de xogos en rede e a competición de debuxo rápido, Fast 2D. As 00,00 horas terá lugar o acendido oficial do encontro.

Xa na xornada do sábado ás 11,00 celebrarase unha conferencia sobre o presente e o futuro das aplicacións da robótica móbil. Ás 12,30 terá lugar outra das charlas principais deste encontro, sobre “Emprego e Software Libre: Experiencias de emprendedores galegos”. Ás 16,00 horas terá lugar un relatorio sobre o “Protocolo IP versión 6. A evolución de internet”. Ás 17,30 terá lugar un relatorio sobre Mundos Virtuais.

Ademais iniciaranse as segundas eliminatorias de xogos, a competición de Case-Mod e de lanzamento de disco. Os máis cativos poderán desfrutar ás 19,00 horas coa proxección, de xeito gratuíto, da película Donkey Xote de Filmax Entertainment. Será ás 00,00 cando terá lugar o inicio do torneo de Real Time Battle.

Na última xornada do congreso celebraranse as finais dos xogos e proxectaranse as competicións do Case- Mod, de deseño de caixas de PC. Ás 12,00 terá lugar o último relatorio do encontro, sobre “Reciclaxe informática, recuperando computadores antigos”. Media hora despois, ás 12,30 da mañá terá lugar a proxección da película de debuxos animados Nocturna, de Filmax Entertainment.

A clausura do evento e a entrega de premios aos gañadores dos distintos concursos e competicións será o domingo ás 18,00 horas.

R., 2008-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250923-xunta.jpeg) A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, esixiu esta mañá ao Goberno central que ofreza 'explicacións convincentes' sobre os fallos detectados nas pulseiras antimaltrato e que 'tome solucións inmediatas'. Na súa intervención no Senado, solicitou que se dea a Galicia e ao resto de comunidades autónomas información sobre o alcance real destas incidencias. Fabiola García, que participou na sesión monográfica sobre violencia de xénero que tivo lugar hoxe no seo da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, indicou que a Xunta está recompilando información sobre os posibles casos acontecidos en Galicia e garantiu o apoio do Goberno galego a todas aquelas vítimas que se puideron ver afectadas.
Foto de la tercera plana (20250923-cdc.jpg) A Cidade da Cultura apoia a creación contemporánea internacional ligada ao Camiño de Santiago coa estrea de Horizontes Errantes, un proxecto de danza e peregrinación artística da coreógrafa española Laura Aris e o bailarín alemán Jakob Jautz. A peza nútrese dos relatos da terra e dos seus habitantes, recollidos ao longo de 15 días de travesía entre Asturias e Santiago de Compostela seguindo o Camiño Primitivo. Así, durante desta semana, ambos os dous artistas estarán a traballar co músico portugués Jorge da Rocha no Gaiás, como parte do programa de residencias artísticas co que a Consellería de Cultura ofrece financiamento, espazos e recursos técnicos da Cidade da Cultura para facer realidade propostas de investigación e creación no ámbito da cultura contemporánea.

Notas

Un equipo internacional liderado polo investigador do CITIC Xabier Pérez Couto reconstruíu a historia orbital do terceiro obxecto interestelar detectado no noso Sistema Solar: 3I/ATLAS. O traballo, dispoñible no repositorio aberto arXiv e enviado para publicación á revista científica The Astrophysical Journal, revela a traxectoria seguida por este cometa ao longo dos últimos 10 millóns de anos na Vía Láctea. 3I/ATLAS foi descuberto o pasado 1 de xullo polo sistema ATLAS en Chile.
O 26 de setembro volve á USC a Feira de Emprendedoras de Compostela, que nesta sétima ocasión leva por lema 'Un modelo económico arredor dunha vida saudable'. A cita será desde as 10.00 ata as 18.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química. A feira, organizada por Woman Emprende co apoio do Concello de Santiago, trae da man unha proposta transformadora como é a de repensar a economía desde unha perspectiva que pon o foco na saúde e o benestar das persoas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES