Noticias

A Xunta executou no primeiro semestre do ano o 90% do seu plan anual de cooperación galega para 2026

A Xunta executou no primeiro semestre do ano o 90% do Plan anual da cooperación galega correspondente a 2026. Este instrumento, dotado con máis de 10,3 millóns de euros, un 5 % máis que o ano anterior, recolle os compromisos, os medios de actuación e os recursos que o Goberno galego pon ao servizo da cooperación para o desenvolvemento, de acordo coas prioridades fixadas no V Plan director da cooperación galega 2023-2026. Entre as actuacións desenvolvidas destacan as convocatorias públicas de axudas destinadas ás organizacións e aos distintos axentes da cooperación galega. Neste eido, convocáronse as subvencións anuais para proxectos de acción humanitaria, cunha dotación de 700.000 euros, que permitiron financiar 10 propostas.

Tamén se convocaron as axudas bianuais para proxectos de cooperación no exterior das ONGD e doutros axentes de cooperación, cun orzamento global de 6,3 millóns de euros para os anos 2026 e 2027, un 5 % superior ao da convocatoria anterior. Esta liña incorpora, por segundo ano consecutivo, unha convocatoria específica de apoio ás organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres, en cumprimento da Folla de ruta para a integración do enfoque de xénero e da Axenda feminista na cooperación galega. Financiáronse 34 iniciativas, 23 delas de ONGD, sete na liña de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres, e catro doutros axentes.

Así mesmo, activouse a convocatoria para microproxectos de cooperación no exterior, dotadas con 150.000 euros que se distribuíron entre seis proxectos. Trátase de iniciativas de Beyond Suncare en Malawi, da Fundación Ayuda Solidaria Hijas de Jesús en Bolivia, da asociación Miradas al Mundo en Guinea Bissau, Asociación Integral de Rescate de Emergencias nos campamentos saharauís, Semilla para el Cambio na India e a Asociación de Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (Briegal) cun proxecto de fortalecemento ante as riadas do Perú con apoio de equipos de Bolivia.

Pola súa banda, as axudas para programas plurianuais de educación transformadora e innovación e comunicación social, dotada cun orzamento de 720.000 euros para 2026, 2027 e 2028, financiaron sete actuacións, presentadas por Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), Fundación Taller de Solidariedade, Mans Unidas-Comité Católico Campaña Contra a Fame agrupada coa Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Vicente Ferrer e Fundación Educación e Cooperación.

A maiores, resolvéronse as seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, ás que se destinan 104.600 euros, ademais das correspondentes cotizacións á Seguridade Social, e está en tramitación a convocatoria bianual de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, tamén cunha dotación de 720.000 euros para os exercicios 2026 e 2027.

Convenios para acción humanitaria

No ámbito da acción humanitaria, a Xunta reforzou a colaboración coas principais entidades especializadas mediante convenios con Farmamundi, UNRWA España, ACNUR e UNICEF. Tamén renovou o apoio á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), cunha achega de 100.000 euros, ampliada con outros 50.000 euros para facer fronte ás consecuencias das inundacións rexistradas na Wilaya de Dajla. Ademais, mantense a participación de Galicia na actuación conxunta da cooperación descentralizada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), cunha contribución anual de 100.000 euros, e tramitouse un convenio con Cruz Roja Española para atender a emerxencia polo terremoto en Venezuela.

A estes súmanse os convenios financiados a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero con ACNUR, UNRWA e UNICEF.

No que se refire á educación para o desenvolvemento e do fortalecemento institucional, a Xunta mantén o convenio coa Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento, dotado con 110.000 euros, así como a terceira edición do programa Galicia Abriga, desenvolvido xunto coa Consellería de Política Social e Igualdade e diversas ONGD para a acollida temporal de mulleres defensoras dos dereitos humanos. Tamén continúa a colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para actividades de formación e sensibilización.

Compromisos adquiridos en 2025

Xunto ás novas actuacións, o Goberno galego continúa dando cobertura aos compromisos plurianuais asumidos o pasado exercicio. Entre eles figuran o financiamento de 29 proxectos de cooperación no exterior, 18 proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, nove proxectos de investigación en materia de cooperación internacional, tres programas de cooperación no exterior e as seis bolsas de formación convocadas en 2025.

Ademais, mantense a execución dos convenios entre Augas de Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras para o fortalecemento das capacidades técnicas na xestión dos recursos hídricos en Mozambique; o de Activistas polo mundo que queremos, desenvolvido no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e co convenio xa citado de actuación conxunta en materia de acción humanitaria coa AECID e a cooperación descentralizada. A estes convenios hai que engadir as avaliacións de asistencias técnicas prestadas por CETMAR aos proxectos do sector pesqueiro e acuícola financiados pola cooperación galega.

A través das actuacións recollidas no Plan anual 2026 da cooperación galega, a Xunta continúa avanzando no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), promovendo a erradicación da pobreza, a redución das desigualdades, a defensa dos dereitos humanos, a igualdade de xénero e o fortalecemento das capacidades das comunidades e institucións dos países socios, en consonancia co V Plan director da cooperación galega 2023-2026 e coa Axenda 2030.

R., 2026-08-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES