
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación do libro Manuel Curros Enríquez. Cartas a José Ojea (1904-1908), no que se recollen 30 misivas manuscritas que o escritor de Celanova dirixiu ao seu amigo José Ojea e que supón, destacou, a oportunidade de achegarnos a ao autor desde outra perspectiva, redescubrindo outros aspectos da súa personalidade, das súas vivencias e do seu contexto.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, volveu agradecer xesto de Delfina García Paadín, tal e como fixera xa no seu momento o conselleiro da área, José López Campos, pola cesión desta correspondencia para que forme parte do legado histórico de Galicia. Así, a publicación, que conta coa colaboración do Goberno galego, reproduce o contido das cartas orixinais enviadas entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908, tres meses antes de que Curros Enríquez falecera na Habana, o que permite coñecer mellor o gran poeta do Rexurdimento no final da súa vida.
Deste xeito, durante o acto destacouse que se trata dun libro que mostra o lado máis afectuoso e humano do escritor nunha recompilación na que tamén se dá conta das relacións con outras figuras destacadas como Emilia Pardo Bazán, Enrique Peinador, Manuel Murguía, Rosalía de Castro ou Chané, algúns dos nomes que aparecen entre as súas verbas.
Sobre José Ojea Otero
O destinatario desta correspondencia foi, ademais de boticario de Cortegada, escritor, político e un dos fundadores da Real Academia Galega. Precisamente unha das poucas fotografías que se conservan del corresponde a este feito e nela aparece xunto a Manuel Murguía e Curros Enríquez, no mesmo mes de outubro de 1904 no que este último partiu definitivamente a Cuba.
Foto: Wikipedia
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.