Noticias

Galicia lidera un proxecto de investigación sobre un plan pioneiro de cribado de cancro de mama baseado na personalización do risco

Co MamoRisk búscase facer un cribado en función da predición do risco persoal e non só por un criterio de idade. A tal efecto, Galicia liderará esta iniciativa que se vai desenvolver en principio en 14 comunidades autónomas e na que participarán 10.000 mulleres que pasaran polos cribados de cancro de mama, das que polo menos 4.000 serán galegas. O financiamento deste proxecto de prevención dirixida e de detección temperá, que terá unha duración de dous anos, acada os 1,2 millóns de euros procedentes de fondos europeos a través do Instituto de Saúde Carlos III. A implantación desta iniciativa implica unha colaboración de profesionais da saúde pública, oncoloxía, radioloxía, enfermería, epidemioloxía e xenética.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe, en rolda de prensa, que Galicia liderará un proxecto de investigación sobre un plan pioneiro de cribado de cancro de mama baseado na personalización do risco, no que participarán 4.000 galegas que comezarán a seren convocadas a partir do vindeiro mes de febreiro.

Tal e como referiu no acto o titular da carteira sanitaria, que estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, este proxecto pioneiro, denominado MamoRisk pode cambiar o paradigma dos cribados de cancro de mama.

Gómez Caamaño incidiu en que, na liña dos proxectos pilotos de pulmón e de próstata que ten en marcha a Consellería de Sanidade, a iniciativa presentada hoxe tamén aposta pola personalización do risco. Isto supón pasar dun cribado por un criterio unicamente de idade e no que a proba que se realiza é unha mamografía, á posibilidade de deseñar un novo modelo de cribado multifactorial no que se sumen unha mostra xenética e outros factores de hábitos de vida que indiquen un nivel de risco individual para cada muller.

O conselleiro de Sanidade puxo en valor que Galicia está a avanzar na medicina preventiva con proxectos de investigación moi ilusionantes entre os que citou, ademais dos cribados pilotos de cancro de pulmón e de próstata, o cribado xenómico neonatal, Cringenes, que analizará os xenes relacionados con 300 enfermidades raras; e o Xenoma Galicia, que compilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco en enfermidades como o cancro de mama.

Estas iniciativas amosan o compromiso da Xunta coa oncoloxía de precisión, personalizando o risco para mellorar os resultados en saúde e apostando pola prevención e pola detección precoz da enfermidade.

Características do proxecto MamoRisk

Tal e como detallaron na rolda de prensa os responsables da Consellería de Sanidade e os investigadores Manuela Gago, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), e Esteban Castelao, do Instituto Galicia Sur, co MamoRisk búscase facer un cribado en función da predición do risco persoal e non só por un criterio de idade. A tal efecto, Galicia liderará esta iniciativa que se vai desenvolver en principio en 14 comunidades autónomas e na que participarán 10.000 mulleres que pasaran polos cribados de cancro de mama, das que polo menos 4.000 serán galegas.

O financiamento deste proxecto de prevención dirixida e de detección temperá, que terá unha duración de dous anos, acada os 1,2 millóns de euros procedentes de fondos europeos a través do Instituto de Saúde Carlos III.

A implantación desta iniciativa implica unha colaboración de profesionais da saúde pública, oncoloxía, radioloxía, enfermería, epidemioloxía e xenética.

O grupo de investigación comezará a enviar SMS durante o mes de febreiro ás 1.000 primeiras mulleres que xa participaran nos programas de cribado.

O novo modelo de cribado que o equipo de investigación aplicará é similar a unha calculadora onde, para cada muller, se introducen todos os factores de risco ou de protección ante o cancro de mama coñecidos ata a actualidade: factores non xenéticos (peso, altura, estilos de vida), factores xenéticos e factores mamográficos. Deste xeito, o modelo asignará un número de risco personalizado a cada muller (por exemplo, a unhas un 5 % de padecer cancro de mama e a outra o 90 %), clasificándoas en diferentes niveis de risco: alto, intermedio e baixo.

A investigación necesita contar con 4.000 casos positivos e 6.000 negativos. A tal efecto, convidarase a formar parte do proxecto a mulleres que participaran nos cribados de cancro de mama das 14 comunidades e que en 2018 foran negativas, analizando a súa historia ata o 2024, para determinar cales deron positivo neste tempo e cantas seguen a dar negativo.

Ás mulleres que participen no proxecto faráselles unha mostra xenética coa que identificar máis de 300 xenes relacionados con cancro, ademais dunha enquisa sociodemográfica e de hábitos de vida.

Ás 10.000 participantes aplicaráselles o novo modelo, para comparar os valores de risco entre pacientes con cancro e mulleres sas.

Os resultados axudarán a identificar as mulleres con alto risco de cancro de mama que se poidan beneficiar dun seguimento máis intensivo e coidadoso e de tratamentos quimiopreventivos ou estratexias de redución de risco.

Tal e como explicou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, en función dos resultados da investigación que valide o modelo, a Xunta decidirá como deseñar un novo modelo de cribado de cancro de mama personalizado.

R., 2025-01-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) A intelixencia artificial (IA), a súa gobernanza e o impacto na organizacións públicas centraron o II Encontro de Equipos de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) das comunidades autónomas, celebrado hoxe en Madrid, no marco do Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas.A Xunta de Galicia estivo representada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, ao que acompañaron os responsables da Xerencia e das áreas de Administración Dixital, Infraestruturas e Seguridade, Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, Transformación Dixital da Facenda Pública e a Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación.
Foto de la tercera plana (incendios-xente.jpg) Deseñado e posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través de MeteoGalicia —un servizo meteorolóxico de referencia na Comunidade—, o chamado Sistema de Propagación de Incendios de Galicia (Spigal) permitirá dotar o operativo de loita contra o lume da Xunta dunha ferramenta tecnolóxica propia con capacidade para adaptarse á realidade en vivo, comparar distintos escenarios de evolución dun mesmo incendio e avaliar as medidas e actuacións en materia de extinción. Spigal superou xa unha fase de probas a partir dos datos reais dos incendios do verán pasado e está listo para entrar en funcionamento.

Notas

Las principales empresas agroalimentarias de la provincia de Lugo, junto con equipos investigadores del Campus Terra (USC), participarán esta semana en un encuentro estratégico con cuatro objetivos alimentación, salud, longevidad y robótica con una delegación empresarial procedente de China y Japón.
Álvaro Mourenza, investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña e do grupo EXPRELA do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), liderou un estudo internacional que identifica unha nova estratexia terapéutica para combater infeccións causadas por Staphylococcus aureus, unha das bacterias resistentes aos antibióticos de maior relevancia clínica a nivel mundial.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES