
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou este serán, na inauguración da conferencia internacional sobre cuántica International Quantum Business Conference, a excelencia dos proxectos que se están a executar en Galicia neste ámbito e convidou aos asistentes a coñecelos de primeira man. Durante o encontro, que reúne a máis de 300 investigadores de máis de 13 países, o titular de Ciencia comprometeu todo o apoio da Xunta de Galicia para reforzar o liderado da Comunidade nas tecnoloxías cuánticas.
Román Rodríguez recalcou o grande esforzo que ten feito Galicia nos últimos anos para fortalecer o seu tecido produtivo, atraer talento e impulsar o desenvolvemento destas tecnoloxías, principalmente a través do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, a iniciativa na que se encadran actuacións específicas como a Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas ou a adquisición do computador cuántico Qmio instalado no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).
Por último, o representante do Goberno galego animou aos participantes no congreso, organizado por Fujitsu en colaboración co Cesga e a Xunta de Galicia, a cooperar e fortalecer as colaboración con outras rexións e países para seguir avanzando no desenvolvemento destas tecnoloxías, nun momento decisivo para situar a Galicia e á súa industria nunha posición de liderado nesta materia.
Precisamente, este congreso coincide co anuncio da construción dunha nova sede para o Cesga, que se localizará no polígono da Sionlla. Cun orzamento de 56M, o maior investimento feito no Cesga ao longo da súa historia, levantarase este centro que albergará as novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas do centro e que estarán a disposición da comunidade científica e das empresas.
Programa da conferencia
O congreso continúa mañá na Cidade da Cultura con presentacións da man de expertos internacionais da materia e varias mesas redondas con investigadores, administracións públicas e empresas, nas que se discutirá sobre o estado destas tecnoloxías e as súas aplicacións na industria. En concreto, as conferencias abordarán temas como os retos actuáis das tecnoloxías cuánticas ou como salvar a fenda entre a investigación nestas tecnoloxías e a súa aplicación na industria. Pola súa banda, as mesas redondas versarán sobre iniciativas públicas para fortalecer este ecosistema en España e Europa, fomento do emprendemento ou as oportunidades de financiamento en tecnoloxías cuánticas. Por último, celebraranse sesións paralelas centradas respectivamente no estado da ciencia e nos retos e casos de éxito da súa aplicación na industria.
A conferencia está previsto que reúna en Santiago de Compostela durante estes dous días a máis de 300 investigadores, representantes da industria e doutras entidades públicas e privadas. Entre os participantes destacan actores relevantes que traballan no ecosistema cuántico internacional como o Kings College de Londres, Moodys, Repsol, o Fujitsu Quantum Lab e o Silicon Valley Forum, entre outros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.