
A regulación sobre a identificación, desenvolvemento e implantación desta tecnoloxía na Xunta protagoniza o segundo gran bloque da lei que está en fase de elaboración, e que converterá a Galicia na primeira rexión europea en dispoñer dunha regulación específica sobre intelixencia artificial.
Na súa primeira reunión, celebrada en xaneiro, a Comisión analizou os principios éticos e xurídicos que deberán fundamentar a nova lexislación, entre os que se atopan os de transparencia, claridade, imparcialidade e ausencia de nesgos, reserva de humanidade e revisión humana, precaución ou avaliación no impacto nas persoas, na sociedade e no medio ambiente. Naquela ocasión tamén se analizaron os dereitos da cidadanía, así como os mecanismos que a lei debe prever para garantilos.
Ademais da implantación e uso da IA, a lei tamén regulará o establecemento de medidas para o impulso desta tecnoloxía nas empresas, como axudas, bonificacións ou incentivos.
Un dos obxectivos para a creación da Comisión de Expertos foi, precisamente, o compromiso da Xunta de aprobar nesta lexislatura a normativa necesaria para facilitar a incorporación de tecnoloxías de alto impacto, tanto no sector público como nos diferentes sectores económicos.
A comisión está formada por dez persoas expertas en diferentes ámbitos, como a economía, a filosofía e evolución humana, a tecnoloxía aplicada, a ética e normativa ou a política pública.
A Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial en Galicia foi creada polo Goberno galego a finais de 2023 e está presidida polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
Entre as funcións da Comisión destacan a elaboración de recomendacións e asesoramento sobre o desenvolvemento e o uso ético da IA en Galicia; asesoramento para impulsar accións formativas e de sensibilización en IA, dirixidas a empresas, administración pública e cidadáns; a formulación de propostas sobre a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, co obxectivo de adaptar as súas medidas aos novos escenarios; e o asesoramento na avaliación do impacto da IA nos diferentes sectores produtivos de Galicia, Administración Pública e sociedade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.