Noticias

Galicia aproba os seus orzamentos para 2024

Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en aprobar os seus orzamentos para 2024 logo de que o Parlamento galego dera hoxe o visto e prace definitivo ás contas do vindeiro ano. Estes orzamentos son os máis altos da historia da Comunidade e ascenden a 13.257 millóns de euros para Investir en estabilidade, nas persoas e no futuro. Así, os recursos orzamentarios de 2024 garanten o crecemento estable; consolidan todas as rebaixas de impostos en vigor e inclúen novos incentivos fiscais; reforzan o gasto social e os investimentos e todo iso sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos.

Os presupostos do ano que vén invisten en estabilidade cunhas finanzas solventes, que non xeran débeda e que consolidan os beneficios fiscais aos galegos e ás galegas para ser unha das comunidades cun mellor tratamento ás rendas medias e baixas. Investir en estabilidade permite ter contidos os gastos en xuros cun aforro de 490M€ na lexislatura; ser a comunidade autónoma que menos incrementou a débeda desde o ano 2008; ou estar entre as comunidades con menor necesidade de esforzo para a consolidación fiscal.

En segundo lugar, invisten nas persoas para reforzar os servizos públicos autonómicos e reforzar tamén o apoio aos galegos e galegas que máis o precisan; apostan pola modernización do servizo de saúde; a inclusión de novas prestacións; o reforzo dos servizos sociais, en especial a atención aos maiores; reforzan o apoio ás familias e as políticas de vivenda; e impulsan medidas de integración no mercado de traballo e loita contra a exclusión.

E, en terceiro lugar, son unhas contas que invisten no futuro, que sentarán as bases do crecemento e do emprego futuros, fomentando o desenvolvemento dos proxectos transformadores que Galicia está a impulsar para a transición dixital, ecolóxica e enerxética, aproveitando os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

O maior reforzo do gasto social e dos investimentos

As contas do vindeiro ano reforzan un ano máis tanto o gasto social tradicional como o gasto para o fomento do emprego. Así, estas contas inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 9.774 millóns de euros.

Por outra banda, inclúen tamén un reforzo do investimento produtivo, de forma que o vindeiro exercicio, a Comunidade disporá de 2.838 millóns de euros para investimentos, un 2,4% máis que no 2023.

En materia de política fiscal, a Xunta conta cun modelo fiscal propio e previsible, que inclúe rebaixas tributarias que priorizan cada ano ás rendas medias e baixas e con colectivos prioritarios: os mozos e mozas menores de 36 anos; as familias numerosas; as persoas con discapacidade ou as vítimas de violencia de xénero. Neste sentido, os orzamentos do ano que vén consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento e incluirán novos incentivos fiscais.

R., 2023-12-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES