
Cómpre lembrar que as áreas tensionadas son un instrumento previsto na nova Lei de vivenda estatal e cuxa aplicación permite a adopción de limitacións nos prezos do alugueiro e doutras medidas para intervir no mercado naquelas zonas en que, en virtude dunha serie de indicadores, se entende que pode existir risco dunha oferta insuficiente.
Neste sentido e tras incidir na falta de concreción da norma sectorial aprobada este ano, xa que abre a porta a aplicar unha serie de medidas con incidencia directa no mercado do alugueiro pero sen concretar ao detalle os criterios a seguir, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta tiña claro desde o principio que non ía apostar de oficio por unha figura que, lembrou, xa demostrou a súa ineficacia noutros países.
Tiñámolo claro pero queriamos contrastalo, indicou a vicepresidenta, en referencia ao informe presentado ante os membros do Observatorio. Segundo explicou, nel conclúese que tendo en conta o Indicador de accesibilidade de vivenda (IAV) do Estado, Galicia tería case un 30% de concellos tensionados (concretamente 92) e no caso de aplicar os datos das fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, a cifra baixaría ao 20% (un total de 68 municipios), ambos índices previstos na propia lei estatal.
Así mesmo, Vázquez Mejuto salientou que dentro dese 30% hai datos curiosos como o feito de que municipios como Coirós, Rodeiro ou Amoeiro, con menos de 2.500 habitantes e unha media inferior a 100 vivendas construídas en 5 anos, reunirían as condicións para ser declarados concellos tensionados, o que, dixo, demostra e reforza a postura da Xunta respecto á eficacia deste tipo de instrumentos.
Por todo o exposto, lamentou a falta de rigor da Lei polo dereito á vivenda e a súa nula fiabilidade á hora de impulsar medidas que inflúan positivamente no mercado da vivenda xa que, de feito, indicou que desde a súa entrada en vigor se está a detectar que unha porcentaxe de vivendas están saíndo do mercado pola inseguridade xerada.
Non é a solución en absoluto, declarou a vicepresidenta, que insistiu na urxencia de que o Goberno central convoque xa a Comisión bilateral solicitada pola Xunta para clarificar a lei e resolver as dúbidas competenciais que implica.
56 M ampliables nunha vintena de medidas
O pleno do Observatorio da vivenda de Galicia tamén abordou as previsións para 2024 desde o punto de vista das políticas no eido residencial, que se plasmarán nunha vintena de liñas de axudas e programas cun orzamento ampliable de 56 millóns de euros e que facilitarán o acceso dos galegos a unha vivenda, en réxime de compra ou alugueiro, e a execución de obras de rehabilitación nos inmobles xa existentes.
Neste sentido, explicou cales son, desde o punto de vista da Xunta, as dúas prioridades en materia residencial: por un lado, ofrecer máis vivenda a prezos accesibles no territorio e por outro, facilitar o acceso a un fogar en alugueiro a aquelas persoas e colectivos que polas súas circunstancias adoitan ter máis complicado dar este paso.
Para avanzar no primeiro obxectivo, Ángeles Vázquez referiuse ás axudas de ata 50.000 euros que ofrecerá o seu departamento a pomotores públicos e privados para animalos a construír vivenda en alugueiro e con relación ao segundo, referiuse ás novas axudas para o arrendamento, que na convocatoria de 2024 primarán aos menores de 36 anos, ás familias numerosas e ás monoparentais, aos emigrantes retornados e ás persoas que leven máis dun ano inscritas como demandantes de vivenda protexida en Galicia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.