
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que a Xunta porá en marcha unidades funcionais multidisciplinares da dor en todas as áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde. Adiantouno durante a xornada Dor cero organizada pola Liga Reumatolóxica Galega no salón de actos da Consellería.
As unidades contarán con anestesistas, neurólogos, reumatólogos e persoal de enfermería, entre outras especialidades, e traballarán en ofrecer unha atención integral e multidisciplinar encamiñada a aliviar a dor e mellorar a calidade de vida das persoas que a sofren. E o máis importante: propiciarán un tratamento da dor individualizado e adaptado ás necesidades e circunstancias de cada paciente, apuntou Comesaña.
Neste sentido, o Sergas xa mide e rexistra na gráfica de constantes a dor aguda e, a finais do ano pasado, publicouse un novo procedemento actualizado para valorar a dor aguda nos hospitais. En canto á dor crónica, co circuíto asistencial da E-interconsulta da Unidade de dor, os equipos de atención primaria poden compartir de forma áxil o manexo da atención a esta dor.
En particular, nos últimos anos a sanidade pública galega ten instaurado un novo modelo para patoloxías nas que é necesaria unha organización transversal a través de unidades funcionais multidisciplinares (UFM) Post-covid, de enfermidades raras, de mama ou de solo pelviano.
Así, pensando na repercusión que ten a dor na calidade de vida das persoas e cumprindo o mandato unánime do Parlamento de Galicia, a Xunta creará Unidades Funcionais Multidisciplinares.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.