Noticias

Os clientes poderán empregar desde o luns o Bono Activa da Xunta nos comercios de proximidade

Os clientes do comercio galego de proximidade poderán descargar e empregar desde este luns 9 de outubro o Bono Activa Comercio, ao que a Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 2,5 millóns de euros co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela aos establecementos de proximidade. A iniciativa, coa que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, ten tamén por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias. Cada persoa poderá descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que suman xa máis de 4.000.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa, e o importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como na edición anterior deste ano non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos (un por persoa), senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores ata o 31 de decembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado. Pola súa banda, os comercios que se queiran adherir a esta iniciativa poderán facelo ata o 15 de decembro.

Con esta nova edición a Consellería de Economía, Industria e Innovación amosa o seu compromiso tanto co comercio local como coas persoas consumidoras convocando este programa que sempre tivo unha repercusión moi positiva. De feito, desde a súa posta en marcha no ano 2021 xa se mobilizaron preto de 54 M€ neste sector favorecendo máis de 950.000 transaccións nos establecementos comerciais.

R., 2023-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES