Noticias

Galicia esixe ao Goberno central unha folla de ruta completa para a mellora da atención temperá

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, votaron en contra dunha folla de ruta incompleta e inacabada para a mellora da atención temperá en España. Os dous conselleiros participaron por videoconferencia no pleno conxunto do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e do Consello Territorial de Servizos Sociais e do sistema para a autonomía e atención á dependencia.

A Xunta de Galicia non discute o fondo da cuestión, a mellora da atención temperá en España, xa que o documento que se elaborou por un grupo de expertos é bo no seu contido, pero non está completo. Para o Executivo galego, trátase só dunha primeira parte da folla de ruta, un marco conceptual moi xenérico e pouco técnico, que non desenvolve os aspectos máis importantes como son: os criterios de detección comúns, un catálogo básico de servizos, os estándares de calidade, os sistemas de información e coordinación e o financiamento. En consecuencia, a Xunta está en contra de aprobar un traballo inacabado que podería responder a intereses electorais.

A Xunta remarca que o Goberno central coñece perfectamente que se atopan pendentes de formación de Goberno varias comunidades autónomas, estando ademais en curso unha convocatoria de eleccións xerais para o 23 de xullo que conformará un novo goberno, que é o que deberá implementar a nova folla de ruta para a atención temperá. A Xunta considera, pois que, dadas estas circunstancias, debería agardarse á conclusión de todos os traballos para aprobar este documento.

A Xunta lembra que, na primeira reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde na que participou o novo ministro de Sanidade, José Miñones dixo que, dado o momento no que había, de eleccións municipais, non consideraba adecuado tratar o principal problema da sanidade, como é a falta de médicos. En base a iso, a Xunta considera que, para aprobar o primeiro documento doutros cinco que hai que desenvolver para a mellora da atención temperá, nun momento no que hai eleccións xerais, semella moito máis apropiado agardar, que é o que hoxe pediu Galicia.

R., 2023-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES