
Neste contexto, o Centro GaiásTech organizará o vindeiro 28 de febreiro a xornada: O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando, que se celebrará na Cidade da Cultura. O obxectivo deste evento é reunir nun mesmo espazo as aplicacións que todas estas tecnoloxías teñen no día a día das empresas e, por tanto, ver a súa aplicabilidade no tecido produtivo.
A xornada contará con mesas redondas e relatorios moderados por persoas expertas en cada unha das tecnoloxías disruptivas: blockchain, big data, internet das cousas, intelixencia artificial e realidade virtual.
Este evento está dirixido tanto ao sector empresarial como á cidadanía en xeral, e mostrará as últimas tendencias en tecnoloxías disruptivas e o seu impacto no mundo empresarial. Desde as 9:00 h e ata as 17:45 h, as persoas asistentes poderán gozar dun completo programa con especialistas deste ámbito.
Para inscribirse no evento, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do GaiásTech. O prazo para facelo xa está aberto e a inscrición é de balde.
Actividade do GaiásTech
O GaiásTech está a programar para este ano actividades orientadas a favorecer a través do coñecemento a transformación dixital das empresas de Galicia, das administracións públicas e da sociedade.
Entre estas actividades atópanse os talleres en neurotecnoloxía, Neurotecnoloxía: conectando a mente a un ordenador. Introdución e práctica, que se levarán a cabo o vindeiro venres 24 de febreiro. Desenvolverase tamén un ciclo de formación sobre a Tecnoloxías de lean e dixitalización, LEAN E DIXITALIZACIÓN: a simbiose do método e a tecnoloxía , programado para o mes de marzo. Para as vindeiras semanas celebraranse as últimas sesións do #MesDDeseño Formación sobre fotografía en redes e creación de contidos dixitais. Neste eixo, o GaiásTech tamén está preparando una programación específica no eido da iniciativa #MesD para o marketing .
GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.