Noticias

O V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial avanza os primeiros informes do Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia

O talento, unha maior cooperación entre empresas para acadar máis capacidade de investimento privado e a sustentabilidade como oportunidade e elemento diferenciador son tres dos grandes retos da industria aeronáutica e aeroespacial segundo o informe de análise económica do sector e o seu sistema de valor elaborado no marco do Observatorio Galego da Industria Aeroespacial. O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) foi escenario do V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial promovido pola Xunta de Galicia e o Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG) que dá continuidade á xornada monográfica sobre o Polo Aeroespacial de Galicia celebrada onte no mesmo emprazamento.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou na clausura deste evento que o sector privado galego debe liderar os vehículos e sistemas non tripulados en España e fóra dela, aproveitando os apoios da Administración autonómica e das convocatorias nacionais e europeas e transformalos en contratos, en novos investimentos en innovación e industriais e en emprego.

No congreso presentáronse os tres primeiros informes do Observatorio Galego da Industria Aeroespacial, relativos á análise económica do sector, á análise da cadea de valor en Galicia e a súa integración nas cadeas de valor nacionais e internacionais nos ámbitos civil e de defensa e ao financiamento da I+D no segmento dos sistemas non tripulados na Unión Europea.

Durante o congreso, púxose en valor a importancia do investimento público, que atrae investimento privado e empresas tractoras, como é o caso da Civil UAVs Initiative, e destacouse o labor de promoción dos sistemas non tripulados realizada pola Xunta de Galicia que supuxo a consolidación deste segmento na Comunidade, propiciando a creación de empresas cun forte potencial de crecemento no deseño, operación e explotación de sistemas aéreos non tripulados.

Tamén se analizou o potencial das solucións deseñadas no Polo Aeroespacial para ser exportadas, nun futuro próximo, nacional e internacionalmente; así como de proxectos como o U-Space para facer do espazo aéreo europeo un complexo ecosistema no que coexistan en harmonía todo tipo de aeronaves, poñendo especial foco na convivencia segura e eficiente de avións tripulados e drons.

Máis de 150 representantes de empresas líderes da industria aeronáutica e aeroespacial galega, pemes, centros de coñecemento e empresas tractoras como Airbus, Babcock, Telespazio, Boeing ou Indra participaron nestes dous eventos, que constituíron citas clave para avanzar no coñecemento dos proxectos que se están a desenvolver en Galicia así como para consolidar a colaboración entre os diferentes axentes do sector.

R., 2023-02-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES