Noticias

O CITIC da UDC desenvolve escenarios personalizados de realidade virtual para mellorar o día a día das persoas con discapacidade

A investigadora do CITIC (Centro de Investigación en Tecnologías de la Información y las Comunicaciones), Thais Pousada, lidera o proxecto desenvolvido polo doutorando Manuel Lagos, que busca favorecer a rehabilitación das persoas con discapacidade mediante o uso de escenarios virtuais que permiten a realización de diversas actividades da vida cotiá como cortar un anaco de carne ou abrir a billa para encher una xerra.

O uso da tecnoloxía para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional. Esta é a liña do traballo principal da investigadora CITIC, Thais Pousada, que está a desenvolver na actualidade o proxecto de “Contornas personalizadas de realidade virtual para a intervención con persoas con diversidade funcional”. Trátase dunha iniciativa na que a realidade virtual permite xerar contornas de aparencia real, así como a interacción cos diferentes elementos de dito escenario dun xeito semellante ao que sucedería no mundo real.

“Os usuarios poden interactuar dentro da súa vivenda para levar a cabo cuestións instrumentais básicas da vida cotiá como apartar unha cadeira para sentarse ou facer a compra no supermercado”, explica a investigadora CITIC, quen sinala que este proxecto busca “complementar as terapias habituais dun xeito seguro, ameno e motivador”. O proxecto atópase en fase de desenvolvemento e os escenarios realizados polo enxeñeiro informático e doutorando Manuel Lagos xa foron probados por persoas usuarias da Asociación de Daño Cerebral de Coruña (Adaceco). “Os resultados foron moi positivos, polo diferente que é das terapias que realizan habitualmente e permitíronnos axustar certas cuestións para a que a nosa aplicación sexa o máis útil posible no futuro”, engade a investigadora, quen sinala que esta ferramenta xerará un informe con diferentes datos de interese para a avaliación do seu profesional sanitario, quen poderá consultar cuestións tales como “o rango de movemento das mans ou o tempo de duración de cada actividade, entre outros”. Ademais tamén colaboran coas entidades COGAMI (a nivel galego) e COCEMFE Castilla León.

A diferencia doutras aplicacións comerciais, o proxecto integra un sistema Leap Motion, sistema óptico capaz de rastrexar o movemento de mans e dedos da persoa usuarias sen necesidade de mandos, o que mellora a inmersión nos escenarios.

Tecnoloxía ao servizo das persoas

Thais Pousada forma parte do cadro investigador do CTIC da UDC, no que tres de cada dez investigadores son mulleres. Doutora en Ciencias da Saúde, terapeuta ocupacional e enfermeira, a súa traxectoria sempre estivo vencellada as aportacións para a mellora da calidade de vida e a saúde das persoas, mediante a resolución das súas necesidades aplicando o uso da tecnoloxía para mellorar a realización de actividades no seu día a día.

A través do uso da impresora 3D e gafas de realidade virtual realiza diferentes investigacións encamiñadas a dar resposta ás necesidades das persoas con discapacidade. “Un dos maiores beneficios de traballar con estas persoas é a satisfacción de ver que a nosa labor investigadora repercute nunha mellora da calidade deste poboación”, explica Thais Pousada, quen anima ao estudando, en especial as rapazas, a achegarse a este tipo de disciplinas universitarias e poder desenvolver tamén as súas carreiras profesionais nas mesmas coincidindo coa conmemoración deste 11F, Día da Muller e da Nena na Ciencia.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

R., 2023-02-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES