Noticias

Os certames 'Inventa en galego' e 'Novos poliedros' premian a innovación científica e o uso da lingua galega entre a mocidade

Tivo lugar no Pazo de San Roque o acto de entrega da última edición dos certames Novos Poliedros e Inventa en galego, convocados co gallo do Mes da Ciencia en galego por IGACIENCIA para promover entre a mocidade a innovación tecnolóxica en galego. No certame Novos Poliedros resultaron gañadores o instituto IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña; o IES Carlos Casares, de Vigo; o IES de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol. No certame Inventa en galego o gañador foi o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, da Coruña.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Pazo de San Roque no acto de entrega da última edición dos certames Novos Poliedros e Inventa en galego, convocados co gallo do Mes da Ciencia en galego por IGACIENCIA -Institución Galega da Ciencia- coa colaboración da Xunta de Galicia para promover entre a mocidade a innovación tecnolóxica en lingua galega.
 
O representante do Goberno galego, que estivo acompañado no acto de entrega por Manuel Díaz, responsable de IGACIENCIA, así como polo alumnado e profesorado dos centros premiados, destacou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades “fomenta a creatividade en lingua galega en todos os ámbitos, porque a creatividade non se necesita só para facetas artísticas coas que adoitamos asociala, como a literatura ou a música, senón que é imprescindible no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.
 
Promoción da ciencia en lingua galega

No certame Novos Poliedros, que vai pola súa segunda edición, resultaron gañadores o instituto IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña, por partida dobre cunha clase de Bacharelato e outra de terceiro da ESO; o IES Carlos Casares, de Vigo; o IES de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol. Os gañadores, que expuxeron no acto de entrega os seus proxectos, recibiron un premio de 125€ por centro e un lote de libros como agasallo.
 
Este concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da Simetría Científica, busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolles a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade. A partir dun listado de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.
 
Doutra banda, o certame Inventa en galego propón aos centros de ensino que elaboren unha app Android na linguaxe de programación app Inventor que reflicta os lugares interesantes e turísticos da zona na que os alumnos destes centros residan. O gañador foi o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, da Coruña, polos seus proxectos Buscando a María Pita e Club dos famosos mortos. Neste caso, o centro galardoado recibiu un premio de 300€, así como un lote de libros para o alumnado participante.

R., 2022-12-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES