Noticias

Un total de 88 proxectos optan a entrar na cuarta edición da Business Factory Aero

Un total de 88 proxectos disruptivos focalizados no sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados optan a entrar na 4ª edición da Business Factory Aero (BFAero). Trátase do mellor rexistro obtido nas catro edicións do programa de incubación, aceleración e consolidación. Un total de 36 proxectos optan a entrar no itinerario de incubación (41 % do total de candidaturas presentadas), 39 no de aceleración (44%) e 12 no de consolidación (14%). Ademais, do total de proxectos candidatos nesta cuarta convocatoria da Business Factory Aero, un 61% son empresas constituídas e un 39% corresponden con ideas de proxectos empresariais.

Un total de 88 proxectos disruptivos focalizados no sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados optan a entrar na 4ª edición da Business Factory Aero (BFAero). Trátase do mellor rexistro obtido nas catro edicións do programa de incubación, aceleración e consolidación impulsado pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.

Así o manifestou hoxe a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, durante unha visita realizada á empresa UAV Instruments en Pontevedra. Esta compañía especializada en ofrecer solucións innovadoras no sector dos vehículos non tripulados, participou coa súa plataforma Cíes Solar no itinerario de aceleración da 3ª edición da Business Factory Aero.

Trátase dun vehículo aéreo non tripulado (UAV) de ala fixa deseñado e fabricado integramente en Pontevedra, que destaca pola súa autonomía de voo, que chega ata as 10 horas grazas aos paneis solares situados nas súas ás. A participación na BFAero permitiulles ampliar as súas capacidades operativas en áreas como a detección temperá de incendios, o apoio aos corpos e forzas de seguridade do Estado en operacións especiais ou a localización de persoas extraviadas. Tamén se aplicará na prestación de servizos a empresas privadas, como a vixilancia e inspección de oleodutos e liñas eléctricas.

A directora da Axencia Galega de Innovación sinalou que un total de 36 proxectos optan a entrar no itinerario de incubación (41 % do total de candidaturas presentadas), 39 no de aceleración (44%) e 12 no de consolidación (14%). Ademais, do total de proxectos candidatos nesta cuarta convocatoria da Business Factory Aero, un 61% son empresas constituídas e un 39% corresponden con ideas de proxectos empresariais.

Patricia Argerey destacou que se ten acadado o obxectivo fixado nesta convocatoria de ampliar o alcance internacional da BFAero, ao recibirse case o dobre de propostas de outros países que na 3ª edición. Do total de proxectos candidatos que optan a entrar na 4ª edición un 11% proceden de Reino Unido, Singapur, Estados Unidos, Italia, Portugal, Croacia e Uruguai. Ademais, recibíronse proxectos de Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Canarias, Navarra, Andalucía, Cantabria, Castela e León e Estremadura, ademais de Galicia.

Do mesmo xeito, a área temática que máis solicitudes recolleu foi a de novas aplicacións dos vehículos non tripulados, cun total de 49 proxectos; seguida do desenvolvemento de plataformas e os seus compoñentes, con 23, e novos equipos e sistemas, con 13. Tres dos proxectos teñen un carácter transversal.

Selección de iniciativas

Agora procederase á avaliación de cada un dos proxectos presentados. Desta análise sairán os 11 proxectos que se incubarán, acelerarán e consolidarán nesta cuarta edición, que pon a disposición do talento innovador en Galicia o ciclo completo de formación e mentorización, que dará comezo a finais do mes de setembro.

Os 11 proxectos seleccionados accederán a comunidade de empresas da Civil UAVs Initiative, integrada por máis de 50 empresas e centros tecnolóxicos e de investigación; así como aos medios técnicos, servizos e infraestruturas do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e aos proporcionados por outras entidades colaboradoras da BFAero. Tamén disporán de oficina na área de coworking da Fundación CEL, contarán con mentores de prestixio e experiencia no sector aeroespacial e terán contacto con investidores para acadar o máximo apoio económico no desenvolvemento dos seus proxectos.

O itinerario de incubación, dirixido fundamentalmente a proxectos de emprendemento no sector aeroespacial (spin offs, startups e spin outs), terá un máximo de 3 iniciativas participantes durante un período de 12 meses, ofrecendo apoio económico por parte da Axencia Galega de Innovación por valor de 40.000€.

No que respecta ao itinerario de aceleración, haberá ata 5 empresas que xa dispoñan dun produto mínimo viable, que recibirán a formación necesaria durante 8 meses, unha axuda da Axencia de 60.000 euros e un financiamento máximo de 50.000€ por parte de XesGalicia.

A gran novidade será o itinerario de consolidación, dirixido a un máximo de 3 empresas cunha antigüidade máxima de 7 anos con alta capacidade de crecemento internacional. O programa contará cunha duración de 4 meses, co apoio económico da Axencia Galega de Innovación de 30.000 euros e co financiamento de XesGalicia, por importe máximo de 250.000 euros.

Todos os participantes nesta cuarta edición beneficiaranse ademais dun bono de 10.000 euros para empregar servizos e infraestruturas do Polo Aeroespacial de Galicia, nos que se inclúen horas de voo e apoio en certificacións do sector.

Esta iniciativa da Xunta de Galicia, orientada a promover a incubación, aceleración e consolidación de empresas innovadoras en Galicia que poidan completar a cadea de valor do sector aeroespacial, xa ten confirmada unha quinta edición para o ano 2023. A BFAero pon a disposición do talento emprendedor os recursos necesarios para a súa potenciación, incluíndo a titorización dos proxectos con apoio permanente e espazo propio na Fundación CEL-Iniciativas por Lugo.

A BFAero, impulsada pola Xunta en colaboración coa Fundación CEL – Iniciativas por Lugo, constitúe un claro exemplo de iniciativa aberta á colaboración de institucións, empresas e entidades tractoras, o que consolida excelentes resultados a través da fórmula de colaboración público-privada.

As cifras acadadas nesta cuarta edición confirman o interese dun sector especializado como é o aeroespacial e o dos vehículos non tripulados. Nas catro convocatorias realizadas da Business Factory Aero, que supón para os participantes a porta de entrada ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, presentáronse un total de 267 proxectos, dos cales foron incubados e acelerados un total de 19 nas tres primeiras edicións. Ademais nas tres primeiras convocatorias, a BFAero propiciou a creación de 8 startups e un investimento de máis de 5 millóns de euros.

R., 2022-08-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES