Noticias

Galicia prepara as achegas á Lei que prepara o Goberno de España para o sector do transporte co obxectivo de que se teñan en conta as características diferenciais da comunidade

A Xunta e os actores da cadea loxística de Galicia consensuarán as achegas desde Galicia á Lei que prepara o Goberno de España para aplicar ao sector de transporte de mercadorías por estrada os principios da Lei da cadea alimentaria. O obxectivo desta iniciativa é achegar propostas construtivas e adiantarse para que nesa lei se tomen en consideración as características diferenciais de Galicia, tendo en conta que o sector, aquí, está moi atomizado. A Xunta, os transportistas, distribuidores e cargadores impulsarán unha mesa xeral de diálogo para identificar os principais puntos críticos da cadea do transporte e da loxística en Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron esta mañá un primeiro encontro con representantes do sector do transporte e do Clúster da función loxística de Galicia, onde están representados os distintos actores da cadea loxística, encontro no que se adoptou esta primeira decisión.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade apuntou á atomización do sector do transporte en Galicia, unha realidade que define a súa estrutura e funcionamento. Explicou que o 80% das empresas de transporte terrestre de mercadorías non teñen máis de 2 empregados, ademais de presentar realidades moi variadas: desde empresas de autónomos que traballan con contratos de longa duración a empresas de autónomos que traballan fundamentalmente en transporte puntual.

A Xunta, os transportistas, distribuidores e cargadores tamén acordaron impulsar unha mesa xeral de diálogo para identificar os principais puntos críticos da cadea do transporte e da loxística en Galicia.

A partir desta mesa xeral, avanzarase logo no traballo a través da constitución de diferentes mesas onde se abordarán os distintos asuntos que se consideren prioritarios.

Os actores implicados danse o prazo dun ano para a elaboración do Libro de boas prácticas do transporte, que aglutinará as principais conclusións e reflexións extraídas das mesas que traballo que se constitúan, orientado a favorecer un mellor funcionamento de toda a cadea loxística galega.

Tamén se proporán iniciativas lexislativas e non lexislativas para ser trasladadas ao Goberno de España, como administración con competencia na materia.

Vázquez Mourelle destacou o papel mediador da Xunta, atendendo á demanda que os transportistas trasladaron ao Goberno galego nos encontros mantidos nas últimas semanas para mellorar a súa situación actual.

Lembrou a complicada situación vivida nas últimas semanas polo paro do sector do transporte de mercadorías por estrada, un sector, dixo, que se ten demostrado que é esencial e imprescindible.

Nestes días, explicou, ademais de representantes do sector do transporte que pediron a constitución destas mesas de diálogo permanente, tamén moitos actores da cadea loxística de Galicia se puxeron en contacto coa Xunta solicitando mediación para tratar de impulsar corredores seguros para permitir o transporte de produtos esenciais, como material sanitario ou alimento para as granxas de animais, entre outros.

Ethel Váquez incidiu en que, pese os avances dos últimos días, os problemas de fondo o sector do transporte de mercadorías non están solucionados, e por iso trasladou a vontade e o traballo da Xunta para mediar e servir de enlace entre os distintos elos da cadea loxística de Galicia, e para dar traslado ao Goberno central, competente na materia, das decisións e acordos que se vaian adoptando.

R., 2022-03-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES