
Non en van, a galega é a primeira comunidade produtora de leite de España e a terceira de carne vacún.
Así, tras o anunciou da Comisión Europea de que España recibirá 64,5 millóns de euros do fondo de crise para apoiar a gandeiros e agricultores, o titular da Xunta urxiu ao Goberno a que se comprometa a achegar outra cantidade similar, asegurando tamén que as comunidades deben facer o propio entre todas. Neste caso, precisou que a Administración galega apoiará con fondos propios e na cantidade que corresponda ao sector.
No tocante á segunda medida adoptada, salientou a ampliación noutros 2 millóns de euros do Programa Renove Automoción, para cambiar un coche con máis de dez anos de antigüidade e cunhas axudas a particulares que van desde os 3.000 ata os 4.000 euros, segundo o tipo de vehículo. Cómpre lembrar que esta contía pode incluso incrementarse nun 20 por cento para as familias numerosas e, deste xeito, lograr que os apoios alcancen os 3400 e 4600 euros.
O responsable autonómico aproveitou a súa intervención para recordar a súa comparecencia o pasado martes no Parlamento de Galicia, co fin de reclamar ao Goberno unha vez máis que actúe ante a situación económica que se está a vivir; e para dar conta das novas medidas do Plan de Choque, en continua actualización, con fin de conter unha situación económica que está poñendo en risco a actividade da práctica totalidade da industria produtiva e dificultando a vida das familias.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.