
O programa realizarase no marco deste plan complementario aprobado hoxe na conferencia sectorial, na que participaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey.
Galicia é, xunto con Canarias, a comunidade autónoma que recibe máis financiamento do Plan Complementario de Biodiversidade. A Comunidade recibirá 12,34M e achegará 10,6M de fondos propios que xa estaban incluídos pola Xunta dentro do orzamento da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, para o desenvolvemento destas actuacións. Andalucía, Asturias, Estremadura e Baleares son as outras catro autonomías participantes.
Este novo financiamento vén reforzar a capacidade de investimento do Polo Aeroespacial de Galicia e constitúe unha gran oportunidade de crecemento para as pemes e centros de coñecemento galegos e para continuar creando e mantendo emprego de calidade en torno a este sector.
De feito, cómpre lembrar que para o desenvolvemento destes novos programas de I+D, a Xunta contará coa colaboración dos novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial. Actualmente, estase na fase de avaliación das nove candidaturas -Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit- que optan a traballar neste ámbito da man da Administración galega.
Liñas de actuación
No marco deste programa de investigación Galicia desenvolverá tres liñas de actuación. A primeira estará centrada no desenvolvemento e despregue de plataformas tecnolóxicas para misións de observación, captura e procesamento de datos de biodiversidade mediante sistemas aéreos e mariños non tripulados; a segunda abordará o desenvolvemento e integración de sensores en sistemas aéreos e mariños non tripulados para a observación e monitorización da biodiversidade e o desenvolvemento de misións de observación; e a terceira consistirá na creación dunha e-infraestrutura integrada para a observación da biodiversidade, que incluirá un centro de proceso de datos que se porá a disposición dos operadores públicos.
Para o deseño das misións a realizar estanse a manter consultas coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e, a futuro, teranse en conta as necesidades de observación de outros actores como a comunidade científica desta área de coñecemento.
Aliñamento coa RIS3 Galicia
Os plans complementarios constitúen un instrumento dirixido a establecer colaboracións coas comunidades autónomas en proxectos de I+D que teñan obxectivos comúns baseados nas Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3) estatal e autonómicas. Galicia xa contaba con 19,6M doutros tres plans complementarios para avanzar no Polo das tecnoloxías cuánticas, na biotecnoloxía aplicada á saúde e nas ciencias mariñas.
A aposta da Xunta pola biodiversidade está integrada na nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, así como nos obxectivos definidos para o Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025, nos que a sustentabilidade e os retos verdes constitúen grandes prioridades de actuación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.