
O CiMUS da USC participa desde a coordinación do proxecto con dous dos seus grupos: o laboratorio que lidera a profesora María José Alonso (MJ Alonso LAB), encargado de deseñar e sintetizar nanotransportadores capaces de traspasar a barreira hematoencefálica levando axentes inmuno-PET ao tecido diana; e o grupo MIBIOPHARM, dirixido por Pablo Aguiar, que desenvolverá novos biomarcadores de imaxe PET a partir da radiomarcaxe dos citados nanotransportadores e de modelos farmacocinéticos baseados en intelixencia artificial.
O proxecto desenvolverase en colaboración con tres empresas de Galicia punteiras no desenvolvemento de produtos biotecnolóxicos como son Nasasbiotech S.L., Sunrock Biopharma SL e Qubiotech Health Intelligence S.L e coas entidades Fundació Privada Institut d'Investigació Oncològica de Vall d' Hebron, a Fundación para la Investigación Biomédica del Hospital Universitario La Paz e a Fundació Hospital Universitari Vall d' Hebron - Institut de Recerca.
Nanopartículas para superar a barreira hematoencefálica
Na actualidade, o diagnóstico deste tipo de tumores cerebrais require da realización de biopsias do tecido tumoral mediante neurocirurxía, unha operación que implica moita planificación e que resulta traumática para os doentes. Noutro tipo de casos foi posible aplicar técnicas inmuno-PET para a caracterización do tumor mediante anticorpos ligados a radiotrazadores de Tomografía de Emisión de Positrones (PET), que permiten a diagnose sen necesidade de extraer o tecido. Con todo, nos tumores cerebrais, a barreira hematoencefálica unha película que protexe o cerebro da entrada de substancias alleas ao corpo impediu aplicar estas técnicas non invasivas.
O proxecto DIAGBI proponse superar esta barreira mediante o uso de nanopartículas, capaces de penetrala, que transporten os trazadores PET xunto cos anticorpos necesarios para a caracterización xenética do tumor. Desta maneira, sería posible acelerar os tempos de diagnóstico e seguimento, e evitar difíciles e custosas intervencións de neurocirurxía. O obxectivo último é mellorar e alongar a calidade de vida dos doentes e facer un uso máis eficiente dos recursos do Sistema de Saúde.
O consorcio destinará o 40% do orzamento do proxecto para a contratación de mocidade investigadora, apoiando así a formación de persoal altamente especializado nunha área punteira da investigación oncolóxica. Espérase ademais que o proxecto teña un alto impacto a nivel internacional polo seu enfoque innovador e multidisciplinar.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.