
Así, o total de silvicultores adscritos a este sistema é xa de 41.870 en toda España, dos que 32.875 o 79% proceden da nosa comunidade.
Estes datos foron postos en valor polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, na xuntanza virtual que mantivo cos representantes do sistema de certificación PEFC Galicia e PEFC España. A reunión serviu para presentarlles os principais instrumentos da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, tales como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, os polígonos cortalume e o impulso dun conxunto amplo de diferentes tipos de agrupacións forestais de xestión conxunta. Asemade, trasladoulles que, por primeira vez no Estado, desenvólvese a figura do silvicultor activo, vinculado á ordenación forestal sostible e á súa certificación forestal.
Doutra banda, José Luis Chan expúxolles as principais liñas e programas definidos na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 Cara á neutralidade carbónica e fixo especial fincapé na aposta decidida pola superficie baixo instrumentos de ordenación e xestión forestal. Sobre isto, o director xeral lembrou que un total de 677 beneficiarios poderán elaborar en Galicia ao longo do presente ano 2021 os seus instrumentos en case 200.000 hectáreas de monte, a través dunha orde de axuda pública cunha achega por parte da Xunta duns 4,5 millóns de euros. Estas subvencións están vinculadas a un compromiso dos beneficiarios de obter un selo de certificación nun período dun ano dende o seu pagamento.
Por outra parte, o director xeral tamén lembrou que está aberto o prazo para solicitar as achegas que impulsan a boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común (cmvmc). Nesta convocatoria establécense, entre outras, axudas para a obtención, por primeira vez, do selo de certificación de xestión forestal sustentable así como para o mantemento dese certificado nos montes veciñais, incardinándose perfectamente esta actuación coa devandita orde de axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.