Noticias

Aprobado o segundo plan de rescate, dotado con 75 millóns de euros

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación, no Consello da Xunta, do segundo Plan de rescate, dotado con 75 millóns de euros e baixo a previsión de abrir a próxima semana o prazo de solicitudes. Cómpre salientar que as axudas do segundo plan de rescate son compatibles e acumulables coas do primeiro, en virtude do cal se aboaron máis de 33.605 axudas en tempo récord, por un importe de 69 millóns de euros. “Todas as axudas que cumpriron os requisitos foron pagadas”, incidiu. Nesta liña, como exemplo, precisou que o 60% desta cantidade foi destinada ás axudas solicitadas polo sector da hostalería, en concreto, 38,8 millóns de euros.

Deste xeito, Feijóo resaltou que un negocio ou establecemento que se beneficie do primeiro e do segundo Plan de rescate podería percibir un mínimo de 3.400 euros (sumando os 1.500 euros de axuda mínima do primeiro plan e os 1.900 do importe mínimo da segunda convocatoria) ata un máximo de 24.200 euros (8.500 máximo do primeiro plan e 15.700 do segundo).

“Seguimos loitando contra a covid e seguimos apoiando tamén aos sectores económicos máis afectados pola pandemia”, destacou, facendo fincapé en que estas axudas se conceden por establecemento, non por persoa afectada, o que permitirá que unha persoa con varios negocios poida acceder á cantidade correspondente en cada un deles.

O presidente da Xunta incidiu en que tamén se terán en conta as necesidades doutras actividades obrigadas a pechar como poden ser os ximnasios ou parques de ocio infantil. Así haberá catro liñas diferentes, todas compatibles entre si, dirixidas a persoas traballadoras autónomas, microempresas, hostalería e outras actividades pechadas desde xaneiro.

Máis polo miúdo, e dentro da primeira liña, Feijóo destacou un programa para axudar ás persoas traballadoras autónomas, ao que se destinarán 30 millóns de euros, con apoios de entre 1.200 e 3.000 euros.

O segundo programa dentro desta liña, dotado con outros 30 millóns, estará dirixido a microempresas e o apoio económico irá de 4.000 a 9.000 euros.

Feijóo tamén destacou a posta en marcha dun programa para a hostalería, do que poderán beneficiarse: autónomos, microempresas ou pemes do sector, que se vexan afectados polo peche conforme á normativa ditada polas autoridades sanitarias, podendo recibir desde 1.900 a 3.700 euros.

No tocante ao programa destinado a outras actividades pechadas, o presidente da Xunta aseverou que poderán acollerse a el os traballadores autónomos, microempresas ou pemes que desenvolvan unha actividade que se vexa afectada polo peche conforme á normativa ditada polas autoridades sanitarias. No caso desta liña, as axudas estarán entre 1.900 e 3.700 euros.

Ao longo da súa intervención, Feijóo insistiu en que todas estas liñas de apoios serán compatibles, ao respecto e como exemplo explicou que no caso dun establecemento de hostalería cunha caída de facturación de polo menos o 70% e cun número de empregados entre 21 e 25, podería percibir ata 15.700 euros.

O sistema de tramitación deste segundo plan será máis sinxelo que o primeiro, apuntou o presidente, lembrando que entre ambos os dous teranse mobilizados máis de 160 millóns de euros.

Tamén engadiu que aqueles concellos que queiran participar terán que notificar a contía que queiran achegar e desde a Xunta incrementaranse estas contías coas que os concellos ou deputacións consideren oportuno trasladar aos establecementos do seu ámbito territorial.

Por último, Feijóo avanzou que nas vindeiras semanas a Xunta reunirase co sector do comercio para definir, concretar e poñer en marcha iniciativas para incentivar o consumo no comercio de proximidade.

R., 2021-02-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES