Noticias

Galicia estará desde o mércores, e durante un mínimo de tres semanas, no nivel de restrición máxima

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras a reunión do comité clínico, que toda Galicia estará desde o mércores 27 de xaneiro, e durante un mínimo de tres semanas, no nivel de restrición máxima. “Todas as áreas sanitarias están a soportar unha presión importante e é necesario reducila; e iso implica a todos os galegos e a todos os concellos”, aseverou, facendo fincapé na necesidade de limitar ao mínimo as interaccións, as relacións sociais e a mobilidade.

Deste xeito, o presidente do Goberno galego avanzou que en toda Galicia, con carácter xeral, as interaccións sociais quedarán limitadas aos conviventes -agás no traballo e no coidado de maiores ou menores-; a mobilidade reducirase ao propio concello, “salvo cando non quede máis remedio” -para acudir ao médico, a un centro docente ou ao traballo-; e o toque de queda manterase no máximo que autoriza o Goberno central, é dicir, ás 22,00 horas, “porque non temos capacidade para reducilo ata as 20,00 horas”.

As actividades esenciais que quedarán permitidas serán a sanidade, educación, coidado de maiores e menores, traballo e comercio, cos seguintes condicionantes: no caso da sanidade, seguirán interrompidas as visitas aos enfermos, salvo nos casos en que o precisen por razóns de dependencia ou coidado de menores. E, en materia educativa, as universidades non reanudarán as clases ata o día 8 de febreiro e, durante a primeira semana, serán en liña; “é dicir, haberá clases telemáticas cando menos ata que pase o 17 de febreiro, á volta do Entroido”, matizou.

En canto ao comercio, Feijóo explicou que seguirá funcionando como é habitual o comercio esencial -supermercados, farmacias, talleres de vehículos, etc-. O comercio non esencial permanecerá aberto ata as 18,00 horas exclusivamente, “co obxectivo de que os cidadáns se recollan canto antes nas súas casas”; e os centros comerciais pecharán as fins de semana.
Así mesmo, o peche da hostalería será total, agás para a recollida de pedidos e a entrega a domicilio e para os comedores no ámbito laboral.

En relación á práctica deportiva, o titular da Xunta aseverou que esta queda restrinxida ao deporte individual ao aire libre e exclusivamente no propio concello, co peche dos ximnasios e outros establecementos interiores destinados a esta actividade. “Será obrigatorio o uso de máscara sempre, tamén para correr. E mantense a actividade vinculada ás competicións federadas de carácter nacional e internacional”, engadiu, lembrando que a competición autonómica continuará suspendida como mínimo durante estas tres semanas.

No ámbito dos maiores, pecharanse todos os centros sociais e semellantes, como clubes de xubilados ou fogares da terceira idade. E, en relación á cultura, suspéndese tamén a actividade de museos, bibliotecas ou calquera outro establecemento cultural ou de espectáculos.

Un esforzo máis e un novo exercicio de especial responsabilidade

Ademais destas medidas, Feijóo reiterou a necesidade de que o toque de queda sexa máis flexible, para adaptalo á situación epidemiolóxica de cada comunidade. “É un clamor na inmensa maioría das comunidades. Non é un capricho, senón unha decisión sanitaria necesaria”, remarcou, aseverando que o Goberno central aínda está a tempo de rectificar.

En todo caso, solicitou a todos os cidadáns que apliquen “de facto a medida do autoconfinamento, xa que é a máis segura e a que pode parar esta deriva de contaxios e de ocupación hospitalaria”, sentenciou.

Igualmente, avogou por alcanzar un consenso nacional para limitar tamén as interaccións nos centros laborais. Nesta liña, pediu colaboración aos emprendedores para que, “desde xa”, aposten polo teletraballo.

O presidente da Xunta concluíu pedindo a todos os galegos o cumprimento escrupuloso das medidas, “polo noso ben, pero tamén en solidariedade cos que máis están a pagar as consecuencias sociais e económicas de todo isto”, dixo, lamentando tamén que, por parte do Goberno central, aínda non se dispoña dun calendario concreto de vacinación, así como o alcance que poden ter as novas cepas.

“En definitiva, toca un esforzo máis e un novo exercicio de especial responsabilidade”, abundou, insistindo na necesidade de reducir os contactos para dobregar a curva e reducir, entre todos, a presión asistencial.

R., 2021-01-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES