
Este piloto súmase ao concedido a Telefónica na primeira convocatoria estatal, cun importe de 11 millóns de euros e aos impulsados pola Administración autonómica desde o Nodo 5G Galicia cos tres operadores, Telefónica, Vodafone e Orange cun investimento de 2 millóns de euros. En total, desenvolveranse na Comunidade máis de 30 casos de uso baseado en tecnoloxía 5G por importe de 22 millóns de euros. Estes pilotos dan resposta ao requisito marcado por Europa de que os Estados membros realicen casos de uso, é dicir, escenarios nos que se teste e pilote esta tecnoloxía, como paso previo ao seu despregamento. Consciente desta realidade a Administración pública autonómica apostou por exercer un papel facilitador á hora de abordar o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. Por iso en xullo de 2018 foi a primeira Comunidade en aprobar un Plan para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento destas redes no territorio.
En menos dun ano puxéronse en marcha as principais liñas do plan. A primeira, conformar un Nodo 5 G co compromiso dos tres principais operadores (Vodafone, Telefónica e Orange) de realizar 9 casos de uso 5 G, actualmente en marcha.
Este posicionamento de Galicia no 5 G contribuíu a que fose unha das dúas Comunidades en conseguir a subvención estatal para desenvolver un piloto de Telefónica, ao que se engade agora o de Orange nesta segunda convocatoria e que suman 22 casos de uso. En total, e grazas ao impulso de ambas administracións, en Galicia desenvolveranse máis de 30 pilotos de 5 G repartidos nas sete grandes cidades en ámbitos de especial interese para a Comunidade como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.
Ademais, o Plan Galicia 5G aposta tamén pola formación e puxo en marcha o primeiro curso de Especialista Universitario en 5G, en colaboración coa Universidade de Vigo, que vai iniciar a súa segunda edición.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.