Noticias

Os escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso gañan o Premio Torrente Ballester

Dous escritores son os gañadores da XXXI edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. Nesta nova convocatoria, Antón Riveiro Coello con 'As liñas do paraíso' e Alex Alonso con 'Crónica denigrante' repartiranse o premio mellor dotado da literatura galega. O escritor Luís Valle, a investigadora e crítica Chus Nogueira, o escritor e editor, Manuel Bragado, a profesora Pilar Ponte e o gañador da anterior edición do premio, Xavier López, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e Xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaron parte do xurado que decidiu conceder conxuntamente o premio Torrente Ballester ás obras tituladas As Liñas do paraíso e Crónica denigrante.

O premio está dotado con 25.000 €, que repartirán os dous autores, máis a publicación da obra.

O xurado destaca que as dúas obras gañadoras están apegadas á realidade social, nun caso como reflexo do acontecido hai vinte anos e noutro á máis urxente actualidade. No caso de As liñas do paraíso, o xurado considera que se trata dun texto "no que se reflicte a actualidade na forma en que reconstrúe as viaxes e a vida das persoas refuxiadas en dous escenarios: Siria e Europa, reflexando moi ben a súa dramática situación". O fallo fai constar tamén que a obra "conecta coa realidade multicultural de Europa cunha historia na que resalta a personaxe infantil de Karim que ten moita forza ao presentar un drama humano que atañe a todos"

Por outra parte, Crónica denigrante trata, segundo o xurado, dun "texto no que existe un gran esforzo de documentación, moi traballado; é unha novela de non ficción cunha reconstrución moi lograda do crime que aconteceu en Nigrán, de xeito que pode considerarse unha crónica sentimental, case documental, dos anos noventa en Galiza".

Antón Ribeiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é autor de obras como A quinta de Saler (Galaxia, 1999), coa que xa foi finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester: Animalia (Galaxia, 1999), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Premio Manuel García Barros de Novela; Homónima (Galaxia, 2001), Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa; Laura no deserto (Galaxia, 2001), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Os elefantes de Sokurov (Galaxia 2015), Premio Fervenzas Literarias, A ferida do vento (Galaxia, 2016), Premio Frei Martín Sarmiento e Premio Fervenzas Literarias.

Alex Alonso reside en Pontevedra e é autor da obra Tempos de bebidas isotónicas e fast-fook coa que gañou o "Premio de narrativa curta Ánxel Fole 2015" do Concello de Lugo. Con anterioridade gañou o VI Concurso de relatos de muller Matilde Bares 2010 do Concello de Bueu coa obra Xénero imperfecto e recibiu a mención espcial do xurado do XII Certame Manuel Murguía de narracións breves con Estremonías.

R., 2019-11-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES