
A responsable da política tecnolóxica da Xunta participou hoxe en Madrid na Xornada España na Europa da Intelixencia Artificial, organizada por EY e Deusto Bussines School, onde incidiu en que a aplicación da intelixencia artificial a diferentes sectores económicos enfróntase a importantes dilemas éticos e que, como todas as tecnoloxías disruptivas, precisará dun enforque multidisciplinar para maximizar o seu potencial e configurar a sociedade que realmente queremos.
Neste sentido, Pereira, lembrou que Galicia vén de lanzar o proceso de elaboración da súa Estratexia Dixital 2030, edg2030, na que, xunto coas achegas do sector, terán un papel outros ámbitos como o humanístico e ético, o xurídico ou o económico.
A edg2030 inicia a vindeira semana un proceso aberto e participativo de elaboración en colaboración coas 3 universidades galegas e establece catro vectores de análise: a igualdade dixital, o uso responsable e ético das tecnoloxías dixitais, o reforzo e especialización do ecosistema dixital, e o liderado transformador baseado no uso intelixente da tecnoloxía.
A directora da Amtega sinalou que esta folla de ruta para a vindeira década pivotará sobre o potencial transformador das tecnoloxías disruptivas, e por iso desde a Administración quérese reforzar as capacidades de Galicia nas novas redes de alta capacidade, na análise intelixente do dato, na intelixencia artificial, ou na ciberseguridade.
A Estratexia Dixital de Galicia 2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.