Noticias

Galicia e a República Popular da China estreitan lazos de colaboración para avanzar en novos investimentos para a nosa comunidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse este mediodía co embaixador da República Popular da China en España, Lyu Fan, co obxectivo de seguir estreitando lazos de colaboración e avanzar na captación de novos investimentos para Galicia. Durante o encontro, no que estiveron tamén o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, Feijóo e Lyu Fan recordaron que, segundo os últimos datos de 2018, China consolídase como o principal destinatario asiático de produtos galegos, a onde xa exportan de forma regular máis de 140 empresas.

Nesta liña, o responsable do Goberno galego aproveitou a xuntanza para trasladar o interese da Comunidade de participar novamente na Feira de Importación de China, un evento ao que acudiron na súa primeira edición 14 empresas galegas do sector agroalimentario, e que supón unha gran oportunidade para consolidar a entrada de produtos galegos no país asiático.

Así mesmo, Feijóo resaltou a importancia deste evento internacional para promocionar o Xacobeo 2021 como un fito que permitirá seguir unindo ambos lugares, tendo en conta que o número de peregrinos chineses medra cada ano.

Con este mesmo obxectivo, o presidente da Xunta lembrou que Galicia vén de presentar a súa oferta turística aos principais operadores chineses na Feira ITB China, que se celebrou en Shanghai a mediados deste mes de maio. Un certame no que participaron os principais axentes de viaxe do país asiático, así como máis de 10.000 representantes de empresas e institucións relacionadas co turismo mundial.

Con esta acción de promoción turística, Galicia mantén a súa aposta pola promoción nun dos mercados emerxentes con máis proxección do ámbito internacional que, xunto a Xapón e Corea, conforman a zona de demanda máis interesante para a comunidade dentro do continente asiático.

Con esta xuntanza reflíctese, unha vez máis, o firme compromiso que o Goberno galego ten con este país de cara a intensificar as relacións económicas e empresariais, tender pontes a nivel institucional e promocionar os principais atractivos da Comunidade a nivel turístico.

Non en van, en 2017 Feijóo realizou a que foi a primeira viaxe institucional dun presidente galego á República Popular da China. Unha viaxe que realizou acompañado por unha delegación formada por preto de trinta empresas galegas, así como polo conselleiro de Economía, pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e por diversos representantes diplomáticos.

Ao longo da súa estadía, o responsable do Executivo autonómico tivo ocasión de reunirse con xigantes empresariais con intereses en sectores nos que Galicia destaca como o agroalimentario, o biotecnolóxico, as renovables e a automoción.

Cómpre salientar tamén a visita que, en 2018, realizaron os dous principais distribuidores de alimentación no mercado chinés, Cofco, a terceira industria agrícola máis grande do mundo, e JDCOM, a segunda plataforma de comercio electrónico en China; xunto coas compañías Beijing Shunxin e Juxian.

Logo deste encontro, a visita do embaixador á Comunidade continuará mañá en Vigo, onde, acompañado polo conselleiro de Economía manterá unha xuntanza con empresarios. E, o venres visitará, xunto ao presidente da Xunta, Conservas Albo, filial do xigante asiático Bright Food.

R., 2019-05-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES