Noticias

CiTIUS e CiQUS reivindícanse en Europa coa adxudicación de novos proxectos de investigación transnacional

Tres novas redes europeas de investigación incrementarán a colaboración internacional en I+D do CiTIUS e CIQUS da USC e atraerán a mozos investigadores estranxeiros con prometedoras carreiras científicas, que se vincularán á Universidade compostelá para realizar as súas teses de doutoramento en ámbolos dous centros de investigación. Así llo trasladou xa a Comisión Europea (CE) aos responsables das únicas propostas na Universidade de Santiago que pasaron a fase de avaliación: os proxectos NL4XAI e MENELAOS_NT (CiTIUS), e o proxecto HEATNMOF (CiQUS). Ao éxito acadado polos dous centros de investigación na convocatoria engádese a confirmación de que unha das tres propostas recoñecidas inclúe tamén o liderado do consorcio.

Trátase do proxecto ‘ Tecnoloxía da Linguaxe Interactiva para a Intelixencia artificial Explicable’ (‘NL4XAI’, polo seu acrónimo en inglés); un desafío para expertos en Intelixencia artificial (IA) no que participarán un total de 17 institucións de 6 países e cuxo centro neurálxico estará no CiTIUS, que asumirá a súa coordinación.

“É unha excelente noticia”, afirman fontes do centro, “que afianzará ao CiTIUS como referente europeo en dous das tecnoloxías intelixentes con maior potencial de crecemento futuro na área da IA a nivel mundial, como son a IA explicable e as Tecnoloxías da Linguaxe” e inciden na relevancia destas tecnoloxías: “a IA Explicable está no centro da estratexia europea para desenvolver unha intelixencia artificial ao servizo das persoas, e con ela preténdese involucrar aos usuarios non expertos, facilitándolles a comprensión das decisións automáticas e o axuste de sistemas intelixentes”. E engaden: “supón un paso necesario cara á humanización destes sistemas, dotándoos da capacidade para auto-explicarse”.

Nanosistemas de última xeración para o transporte de fármacos

Pola súa banda, o CiQUS achegará o coñecemento xerado na USC ao consorcio que une a 8 universidades, 4 centros de investigación e 4 empresas de 5 países (España, Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido). Unha alianza cuxo principal labor será formar unha nova xeración de científicos de materiais, altamente especializados en nanosistemas para a liberación controlada de fármacos. “Ademais de formar parte activa na supervisión e dirección do proxecto, o noso laboratorio vai participar na dirección de tres teses doutorais, vai acoller catro estancias científicas internacionais de máis de tres meses, e organizará un workshop internacional enfocado na nanoplasmónica”, destacan os responsables de HEATNMOF.

Integrando a información rexistrada por sensores de distinta natureza

A cadea de éxito complétase cun segundo proxecto adxudicado ao CiTIUS, que representa a unha das catro universidades beneficiarias na proposta MENELAOS_NT; ata 11 institucións involucradas en toda Europa abordarán o problema crecente da exploración e xestión da nosa contorna, co propósito de apoiar no proceso de toma de decisións sobre os desafíos clave da sociedade: agricultura sustentable, coidado e protección de bosques e montes, bioeconomía, cambios ambientais, eficiencia nos recursos, ou protección da liberdade e a seguridade no marco social europeo. MENELAOS_NT afrontará o reto de combinar de maneira óptima a información proporcionada por sensores de características distintas (con resultados en diferentes escalas e resolucións e, polo tanto, cunha fiabilidade variable), co obxectivo de illar a información relevante do ruído e proporcionar así unha información máis sofisticada e fidedigna.

Un ecosistema investigador de primeiro nivel

As axudas ETN enmárcanse na acción comunitaria Redes de Formación Innovadoras (Innovative Training Networks - ITN), que teñen como finalidade formar unha nova xeración de investigadores creativos e innovadores, capaces de transformar os coñecementos e as ideas en produtos e servizos para o beneficio económico e social da Unión Europea (UE). Con elas, Bruxelas promove a creación dunha rede internacional de centros públicos e privados concibida para impulsar a formación científica de alto nivel, que permite a contratación de mozos científicos que non dispoñan aínda do título de doutor e estean nos seus primeiros catro anos de carreira investigadora (Early Stage Researchers – ESR). Trátase dunha iniciativa de extrema competitividade, xa que menos de 10 de cada 100 propostas de ETN son avaliadas favorablemente.

As novas redes, que terán unha duración total de catro anos naturais, non só ofrecerán un saldo total de 38 novas teses: tamén darán lugar a 16 encontros científicos. Asemade, os consorcios propiciarán a organización de máis de 50 actividades de formación, 30 seminarios de capacitación en habilidades complementarias (xestión, emprendemento, transferencia, comunicación…), dous encontros industriais, dúas escolas de verán e dúas escolas de outono.

R., 2019-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES