
Un total de 86 prazas e mercados de toda Galicia e máis de 3.000 praceiros e praceiras súmanse este ano á campaña internacional Quere o teu mercado que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, e que se celebra ata o próximo 25 de maio. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na presentación desta iniciativa, nun acto que tivo lugar na praza de abastos de Santiago de Compostela e no que estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas. Tamén acudiron os presidentes e representantes de Fepragal e doutras prazas de Galicia.
Vázquez explicou que a Xunta, no seu propósito de promover os mercados e prazas de abastos de Galicia, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras leva a cabo, por quinto ano consecutivo, esta actuación de carácter internacional de promoción dos mercados locais e prazas de abastos.
Deste xeito, baixo o lema Preto do teu corazón, realizaranse ata o próximo 25 de maio unha serie de eventos nos mercados dos países e cidades participantes para intentar atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade.
Trátase, en palabras da directora xeral, de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios.
En colaboración coas asociacións e federacións de praceiros e praceiras, celebrarase, ademais, o Día do mercado, que, a proposta dos propios praceiros e praceiras, terá lugar o sábado 25 de maio. Máis de 3000 praceiros e praceiras organizarán todo tipo de eventos para poñer en valor os produtos de calidade dos seus mercados como degustacións gastronómicas, showcookings ou obradoiros de cociña, concursos de tapas e exhibicións de pratos elaborados con produtos do mercado.
Tamén aproveitarán a campaña para converter as prazas de abastos e mercados en verdadeiros espazos de diversión con actuacións musicais de grupos tradicionais e locais, visitas guiadas para os escolares e outras actividades de ocio como sorteos e sesións de baile.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano únense Portugal e Brasil aos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, China, Arxentina e Estados Unidos.
A información da campaña pódese atopar a través da páxina web http://www.quereoteumercado.gal/ ou ben a través do Facebook https://www.facebook.com/quereoteumercado. ou do instagram @quereoteumercado. Precisamente nestas redes sociais poderase apoiar á campaña compartindo fotografías realizadas nas prazas de abastos galegas.
Sol Vázquez animou a todos os asistentes a sumarse a esta campaña coa que, en definitiva, se busca dinamizar estes espazos achegándose á cidadanía para potenciar a compra do produto local, ademais de poñer en valor o bo facer dos profesionais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.