Noticias

A música e o turismo de Galicia desembarcan en Glasgow como territorio convidado ao festival Celtic Connections

Galicia terá un papel protagonista na 26ª edición do festival Celtic Connections de Glasgow (Escocia) como territorio convidado este ano polo seu programa Showcase Scotland. Este prestixioso evento musical, que terá lugar do 17 de xaneiro ao 3 de febreiro, está consolidado como un dos máis relevantes da temporada de inverno a nivel mundial e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. Unha delegación institucional, profesional e artística apoiará a proxección exterior da nosa música e promoverá Galicia como destino turístico-cultural. Dela forman parte oito formacións artísticas, así como unha ducia de empresas e operadores turísticos.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou hoxe en Vigo o papel protagonista que terá Galicia na 26ª edición do festival Celtic Connections de Glasgow (Escocia) como o territorio convidado este ano polo seu programa Showcase Scotland. Este prestixioso evento musical, que terá lugar do 17 de xaneiro ao 3 de febreiro, está consolidado como un dos máis relevantes da temporada de inverno a nivel mundial e o máis destacado no ámbito dos sons celtas.

Con tal motivo, a Consellería de Cultura e Turismo organizou, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e baixo a marca GalicianTunes On Tour, unha delegación institucional, profesional e artística co obxectivo de apoiar a proxección exterior da nosa música e de promover Galicia como destino turístico-cultural. Dela forman parte oito formacións artísticas, así como unha ducia de empresas e operadores turísticos, que terán a oportunidade de entrar en contacto directo con promotoras e axentes internacionais dos seus respectivos sectores.

Así o detallou Román Rodríguez na presentación celebrada hoxe no Museo do Mar de Galicia, na que tamén interviñeron Vítor Belho, de Nordesía, a cargo da coordinación desta delegación artística e comercial; Rodrigo Romaní, fundador e director da orquestra Sondeseu; Sabela Maneiro, de Tanxugueiras; e Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo Galicia, que colabora coa Consellería na organización da misión turística.

O director da Agadic, Jacobo Sutil; o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e unha representación dos artistas que tocarán en Glasgow asistiron tamén a este acto, para o que se contou coa música en directo dun trío de arpa, bouzouki e violín, integrado por músicos de Sondeseu.

Actuacións galegas

A orquestra galega de música folk Sondeseu subirá ao escenario principal do Glasgow Royal Concert Hall durante a gala de apertura do Celtic Connections este xoves 17. Como parte do cartel xeral do evento, tamén tocarán na cidade escocesa Anxo Lorenzo e Mercedes Peón os días 25 e 26, respectivamente.

Ademais, Galicia terá un especial protagonismo como o territorio convidado de Showcase Scotland, con diferentes actuacións entre o 30 de xaneiro e 2 de febreiro a cargo de Raíces Aéreas (Mónica de Nut), Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Anxo Lorenzo, Talabarte e Banda das Crechas. O conselleiro explicou que esta representación foi decidida polo propio festival tras unha convocatoria aberta, ao tempo que incidiu no feito de que, ademais de ao público xeral, estes concertos serán seguidos por uns 200 delegados internacionais acreditados, entre os que se atopan axentes de vendas, responsables de festivais, selos discográficos, managers e medios de comunicación dunha vintena de países.

A Xunta recolleu este convite por parte do festival para ofrecerlles aos grupos participantes novas oportunidades de internacionalización non só das súas carreiras particulares, senón tamén da música galega en xeral. Para reforzar a súa presenza no cartel do Celtic Connections, editouse diferente material promocional, entre o que destaca un CD con temas dos devanditos solistas e bandas.

Tándem cultura-turismo

Román Rodríguez incidiu en que esta relevante presenza da música galega no festival serve, ademais, de porta de entrada para proxectar desde Glasgow a todo o mercado británico e europeo as vantaxes do tándem cultura-turismo en clave galega. Para isto, cóntase coa colaboración do Clúster Turismo Galicia para a celebración o 1 de febreiro dun evento específico para presentar Galicia como destino turístico diante de empresas e touroperadoras radicadas en Escocia.

Esta acción incluirá unha xornada de workshop entre os representantes dunha ducia de empresas turísticas galegas cos doutros tantos operadores escoceses, unha degustación de produtos galegos a partir das elaboracións culinarias facilitadas polo Centro Superior de Hostalería de Galicia ou a difusión do noso patrimonio cultural, natural e patrimonial a través dun stand instalado nun dos recintos principais do festival. Tamén o día 1, Celtic Connections será o anfitrión da ‘Galician festa’ en honor aos nosos artistas e profesionais.

R., 2018-01-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio_ambiente.jpg) Os sistemas de almacenamento enerxético resultan fundamentais para dar estabilidade ao sistema, tanto desde o punto de vista técnico como económico, grazas a súa contribución á resiliencia da rede e na redución das oscilacións dos prezos da factura eléctrica. Na actualidade Galicia conta con 46 expedientes de baterías en tramitación, que suman 492,75 MW, aos que hai que engadirlle outros 3 expedientes (17,75 MW) xa autorizados.
Foto de la tercera plana (comercio-2.jpg) Foi presentada a nova edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, froito da colaboración entre o Executivo autonómico e a Federación Galega de Comercio, que se desenvolverá entre o 10 e o 30 de abril de 2026. Esta iniciativa ten como obxectivo incentivar e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, sortearanse 20.000 euros en premios entre as persoas consumidoras que realicen compras nos establecementos adheridos durante o período da campaña.

Notas

GaliciaDigital consólidase como o referente tecnolóxico para a pequena empresa en Galicia tras alcanzar os 139 beneficiarios no programa Kit Digital, segundo datos do propio programa a 31 de decembro de 2025. A día de hoxe, está preto dos 170 beneficiarios. Cun traxecto de 1.166 días de actividade, a firma lucense destaca pola súa eficiencia e proximidade no ecosistema dixital galego.
Pontes – Semana do Cinema Galego e Portugués abre o prazo de inscrición para a súa sexta edición, que se celebrará en Vigo durante o mes de outubro de 2026. A convocatoria, está dirixida a curtametraxes e longametraxes producidos en Galicia, por creadores galegos ou creadores de calquera dos países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES