Noticias

A rede de teatros e auditorios inicia a súa nova programación con 349 funcións e unha decena de estreas ata xuño

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) retoma a súa programación a partir de mañá co arranque da súa primeira carteleira semestral de 2019, que lle ofrecerá ao público 349 citas co teatro, a danza, a música, a maxia e o circo en 40 escenarios. Entre elas, as estreas absolutas das novas propostas das compañías galegas Colectivo Verticalia, Estudo Momento, Malasombra Producións, Licenciada Sotelo, Os Monicreques de Kukas, Os Náufragos, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Producciones e Talía Teatro.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), coordina o funcionamento deste circuíto de espectáculo en colaboración coas entidades locais que contan con espazos asociados, ás que tamén se lles achega asesoramento técnico para apoiar o óptimo desenvolvemento das súas respectivas programacións. O orzamento para este primeiro semestre do ano é de preto de 919.000 euros, destinados a financiar as actuacións das 115 formacións artísticas contratadas, das que máis do 90% son galegas.

Novidades sobre as táboas

Malasombra Producións será a encargada de abrir a carteleira de 2019 con Os fabulosos Cleaners, espectáculo de pompas de xabón para público familiar que porá en escena mañá venres, ás 19,00 h., no Centro Cívico Cultural de Arteixo. Ao tempo, a compañía está a iniciar os ensaios da súa próxima produción, Bernarda, que estreará o 1 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón, tamén dentro da programación da RGTA. José Prieto dirixe esta montaxe, protagonizada por Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja, que traslada o punto de inicio de La casa de Bernarda Alba a unha aldea de Galicia nun cambio de terzo respecto das anteriores propostas de Malasombra.

Pero a primeira das estreas da Rede Galega de Teatros e Auditorios chegará xa este mes de xaneiro da man de Estudo Momento e Macbeth. O ruído e a furia, que representará o día 25 no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

En febreiro, ademais da Bernarda de Malasombra, terán lugar outras tres estreas no seo do circuíto da Xunta. Serán as de Licenciada Sotelo, co espectáculo de danza A gala, o día 14 no Auditorio Municipal de Ourense; Talía Teatro, con Vida de cans, o día 22 no Pazo da Cultura de Narón; e Producións Teatráis Excéntricas con Carpe Diem, o día 27 no Teatro Principal de Santiago.

A RGTA acollerá tamén a primeira representación doutra montaxe de danza: Alma (non é hippie), que o Colectivo Verticalia –integrado por Traspediente e Duelirium– escenificará o 1 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña. Neste mesmo escenario, Os Náufragos estreará Karelu o 13 de abril, mentres que no Principal de Santiago comezará o percorrido de Redrum Producciones, con Idiota, e Os Monicreques de Kukas, con Arlequina, os días 6 e 28 de marzo, respectivamente.

Máis de 20 anos de traxectoria

Con máis de vinte anos de traxectoria ininterrompida, a Rede Galega de Teatros e Auditorios é un dos principais circuítos para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, ademais de ofrecer tamén concertos de música. Ao longo de 2018 ofreceu 600 actuacións en espazos de 39 concellos.

R., 2019-01-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES