Noticias

O Gaiás lembrará a etapa de Castelao no exilio cun concerto da Filharmonía de Galicia e un encontro con persoas refuxiadas

A Cidade da Cultura de Galicia continúa a despregar actividades ao redor de Castelao maxistral, a exposición que permite contemplar por vez primeira en Galicia a ‘A derradeira leición do mestre’, lendario cadro visitado xa por máis de 20.000 persoas. Este programa arrancará en 2019 cunha xornada dedicada ao exilio xa que foi nesta circunstancia cando o artista de Rianxo pintou o óleo que artella o relato da mostra. En xaneiro, o Gaiás acollerá un concerto da Real Filharmonía de Galicia cun repertorio centrado nos países que percorreu Castelao, e un encontro con persoas refuxiadas en Galicia.

Este recital da RFG leva por título ‘O camiño de Castelao’ e baséase nunha escolma de temas representativos dos diferentes países que marcaron a vida de Castelao, realizada ‘ex profeso’ polo director titular e artístico da formación, Paul Daniel. Deste xeito, e a través do repertorio escollido, os asistentes farán no Museo Gaiás un percorrido vital do periplo do artista galego desde Rusia, Cuba, os Estados Unidos de América e ata o exilio definitivo en Buenos Aires, a través de pezas de E. W. Korngold, Stravinsky ou Piazzolla, entre outros compositores.

Esta actuación especial —para a que xa están as entradas á venda en Ataquilla.com e no Museo Centro Gaiás— inxírese dentro do programa de actividades coas que se está a dinamizar a exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra, que desde a súa inauguración, o pasado 5 de outubro, xa celebrou visitas-relatorio con especialistas na súa obra e figura —con todas as prazas cubertas— e un recital coa Coral Polifónica de Pontevedra, da que Castelao foi cantor, fundador (1925) e escenógrafo, traendo para a ocasión un pano ornamentando polo propio artista, que contadas ocasións sae do Museo de Pontevedra que o custodia.

Pór o foco no exilio para as actividades de xaneiro ten un vencello especial coa mostra, xa que A derradeira leición do mestre, homenaxe do artista de Rianxo ao seu amigo e intelectual asasinado, Alexandre Bóveda, foi pintado nestas circunstancias en Buenos Aires en 1945. Castelao asentouse na capital da Arxentina, tras un periplo por diferentes países que son os que determinan o programa do concerto escollido persoalmente polo propio Paul Daniel.

Así, en 1938, o intelectual galego realizou unha viaxe á extinguida URSS e, máis tarde, aos Estados Unidos de América e tamén a Cuba. Durante a súa presenza na illa caribeña, Castelao participou activamente nas eleccións do Centro Galego da Habana. A derrota republicana condenouno ao exilio, asentándose en Nova York, primeiro, onde publicou o álbum Milicianos e, posterior e definitivamente, en Buenos Aires (A Arxentina), onde chegou a estrear a súa peza teatral Os vellos non deben namorase.

Encontro con persoas refuxiadas

Precisamente, e tendo en conta o moito que marcou esta saída forzosa de Castelao de Galicia, antes do concerto e encadrado dentro destas actividades vencelladas á exposición, producirase un encontro con persoas refuxiadas na nosa comunidade, grazas á colaboración de Amnistía Internacional.

Este encontro pretende reflectir como na actualidade —fóra das nosas fronteiras pero en múltiples zonas a nivel global— moitas persoas vense obrigadas ao exilio —tal e como viviu Castelao— pola dureza da complicada situación xeopolítica dos seus países de orixe, vítimas de conflitos bélicos e políticos, especialmente visibles a través do número de persoas refuxiadas e/ou represaliadas.

Para darlle visibilidade a esta situación, a Cidade da Cultura incorpora este encontro nas súas actividades ao redor da exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre co obxecto de sensibilizar a sociedade galega sobre as crúas experiencias nestes países, á vez que procurar eses paralelismos co contexto sociopolítico de Castelao, mais sobre todo trátase de escoitar e empatizar coas inquedanzas e necesidades destas persoas refuxiadas en Galicia.

O encontro será moderado polo responsable de Relacións Institucionais de Amnistía Internacional en Vigo, Manuel Martínez Barreiro, e formarán parte da mesa: Juan Sosa Madonado, refuxiado proveniente de Oaxaca (México) e Nour Al Hussen, refuxiada proveniente de Siria.

R., 2018-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES