
Neste caso, Anarquismos chega a Santiago desde Bilbao, onde a peza foi estreada o pasado día 23 no marco do BAD (Bilbao Antzerkia Dantza-Festival de Teatro Actual e Danza Contemporánea), outra das entidades implicadas nesta coprodución internacional que conta tamén con apoios desde Portugal, Francia, Chile ou Italia.
A proposta
O creador vigués Pablo Fidalgo aborda na súa nova proposta a historia da anarquía, que nas súas palabras tivo en España o laboratorio máis importante de toda a xeografía mundial. Os performers Ángela Millano, Cláudio da Silva e Rocío Berenguer poñen en escena o soño dun home adulto, que rememora a casa e os tres compañeiros cos que compartiu os seus primeiros anos de xuventude. Trátase dunha peza sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio que teñen lugar en calquera grupo ou núcleo familiar, ao tempo que debuxa as expectativas dunha xeración que enfronta por primeira vez os seus erros e a súa falta de proxecto común.
Estruturada como un poema épico e como un retrato de grupo, Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro) inspírase na visión dos vencidos, dos marxinais e nos instantes decisivos onde aqueles que tiveron ideas ou utopías en común deixan de telas.
No Salón Teatro, o público situarase nunha grada sobre o escenario, con butacas sen numerar e capacidade limitada a 56 espectadores que poderán seguir máis de preto os movementos dos intérpretes sobre as táboas. A venda anticipada de entradas xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. Os días de función, o despacho de billetes do teatro estará aberto desde dúas horas antes do inicio do espectáculo.
Nova coprodución co CDG
O CDG volve colaborar con Pablo Fidalgo a través do seu programa de coproducións, dentro do que o ano pasado levou a escena Daniel Faria, sobre a figura deste autor e monxe portugués, considerado un dos mellores poetas lusos do século XX.
Para Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro) contou con Cláudia Rodríguez no deseño da iluminación (xunto co propio Pablo Fidalgo) e a dirección técnica, Flora Detraz na asistencia de coreografía, João Bento no deseño de son, Amalia Area na produción executiva e na asistencia de dirección, e O Rumbo de Fumo, estrutura lisboeta de creación e produción coreográfica, na dirección de produción e difusión.
Precisamente neste espazo portugués desenvolveu unha residencia artística para a creación o seu novo espectáculo, que ademais do CDG e o BAD de Bilbao, coproducen o Maria Matos Teatro Municipal de Lisboa, o Théâtre de la Ville de París, o Teatro Municipal do Porto, MA Scène Nationale-Pays de Montbéliard (Francia) e Le Granit Scène Nationale de Belfort (Francia).
Tras as súas representacións en Santiago, Anarquismos porá rumbo cara á Sala Cuarta Pared de Madrid, onde se poderá ver do 15 ao 17 de novembro dentro da programación do Festival de Otoño. Para o ano que vén ten xa confirmadas funcións no Teatro Municipal Rivoli do Porto (25 e 26 de xaneiro) e no Espace Cardin do Théâtre de la Ville de París (do 16 ao 18 de maio).
Director destacado
Director artístico do Festival Escenas do Cambio, organizado en Santiago pola Cidade da Cultura, Fidalgo ten representado os seus traballos en países como Alemaña, Francia, Italia, Polonia, Brasil, Chile, Cuba, Guatemala, México e Uruguai, ademais de en escenarios e festivais de toda España e Portugal, onde a súa montaxe Habrás de ir a la guerra que comienza hoy foi elixida como mellor espectáculo de 2015 polo diario luso Público.
Como poeta, foi merecedor do premio Injuve co libro La retirada (2012) e ten recibido, así mesmo, excelentes críticas con La educación física (2010), Mis padres: Romeo y Julieta (2013) e Esto temía, esto deseaba (2017).
Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.