Noticias

A xornada 'Contornos e Contornas' abordará a mellora do benestar e aprendizaxe nas escolas a través da arquitectura

A Cidade da Cultura de Galicia celebrará o sábado 24 de novembro a primeira edición de Contornos e contornas. Unha visión transdisciplinar sobre a arquitectura’, na que profesionais da arquitectura, psicoloxía e pedagoxía procurarán crear un clima de reflexión e de propostas en común sobre as melloras a aplicar nos recintos educativos para mellorar a habitabilidade, benestar e o clima de aprendizaxe, tirando proveito dos respectivos coñecementos destas disciplinas.

A experiencia da Cidade da Cultura en convivencia e irmandade entre programación cultural, emprendemento, tecnoloxía e intercambio social convértea no lugar axeitado para celebrar unha xornada como Contornos e contornas —organizada pola xestora cultural ‘taller abierto’— que ten como cerna incidir nas posibilidades da arquitectura como axente condicionante das actividades humanas e os efectos que o espazo arquitectónico ten sobre o comportamento e benestar das persoas.

Nesta primeira edición, Contornos e contornas centra o seu obxecto de análise nos recintos educativos, coa intención de que, a través dunha aproximación atenta e detida, se acade un clima de reflexión conxunta entre profesionais da arquitectura e as ciencias sociais. Dúas disciplinas chamadas a entenderse e que evidencian, en máis dunha ocasión, que están máis desconectadas entre si do que deberan.

Fronte esta situación, a xornada procura crear un espazo de debate sobre a necesidade de establecer unha complementariedade efectiva entre disciplinas, rexeitando o tradicional illamento metodolóxico entre arquitectos e profesionais do eido pedagóxico á hora de acometer os proxectos de escola.

Expertos en psicoloxía ambiental, pedagoxía e arquitectura

Para crear este espazo de debate e reflexión interdisciplinar, contarase nas xornadas con Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC), especializado en Psicoloxía Ambiental; Julia María Crespo Comesaña, doutora en Pedagoxía e mestra de Organización Escolar na Facultade de Ciencias de Educación na Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Celestino García Braña, doutor arquitecto e mestre titular de Teoría da Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

Ricardo García Mira arrancará a xornada de Contornos e contornas apuntando, desde un punto de vista científico, as claves físicas e espaciais que inflúen no comportamento social e individual; no desenvolvemento cognitivo; e no estado de saúde mental. Mentres, Julia María Crespo Comesaña incidirá nas necesidades educativas e na súa intervención procurará achegarse a como son os procesos e os elementos que constrúen un ambiente de aprendizaxe.

Pola súa banda, Celestino García Braña abordará no seu relatorio como enfrontarse a un proxecto arquitectónico para un centro educativo; os parámetros baixo os que se executa: o marco conceptual e metodolóxico; ou cales son as relación coas institucións e profesionais docentes.

Contornos e contornas rematará abrindo o debate entre os tres relatores e o público, na mesma liña da súa cerna de crear un clima de reflexión conxunta entre todas as disciplinas, arquitectónicas e sociais, que deben ser tidas en conta nos deseños de espazos arquitectónicos.

Xornadas de balde, previa inscrición

Contornos e contornas é unha xornada de balde e aberta, baixo inscrición, ao público xeral, pero dirixida especialmente a xente formada ou interesada nestas disciplinas e tamén, tendo en conta a especialidade desta primeira edición sobre centros educativos, tamén a comunidade educativa.

R., 2018-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (radio-na-biblio.jpg) O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros. Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Foto de la tercera plana (aitor-martinez.jpg) Tivo lugar a na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato'.

Notas

O encontro 'Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA– Proxecto Nós' serviu para dar a coñecer os resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós no marco de ILENIA, unha iniciativa orientada a avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado. Datos, casos de uso e ferramentas abertas de tradución automática, síntese de voz e modelos lingüísticos en galego déronse a coñecer neste foro que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados.
O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES