O turismo consolídase en Galicia con melloras nas tarifas e na estadía media despois dun lustro de intensos crecementos
O turismo galego atravesa un momento de consolidación despois dun lustro de intensos crecementos. Na consecución dun modelo que afonda na calidade, o sector hoteleiro avanza en variables como o tempo medio que os viaxeiros permanecen en Galicia e as tarifas, cun crecemento do 5% e do 2,5% en xullo.
Malia que a climatoloxía non foi a mellor no sétimo mes do ano, o sector soubo manterse e mesmo mellorar un punto a ocupación nas fins de semana.

Isto supón unha boa noticia e un estímulo para seguir traballando nunha oferta diversificada que, como propón a Estratexia do turismo de Galicia 2020, aproveite os mellores recursos en calquera época do ano.
Nun contexto de moderación a nivel nacional, a Comunidade rexistrou nos sete primeiros meses 2,2 millóns de viaxeiros que realizaron 4,3 millóns de noites. Deles, case 500.000 turistas pasaron polos hoteis galegos en xullo, cando sumaron máis de 1,1 millóns de noites.
Os viaxeiros deciden permanecer máis tempo durante a súa viaxe, cunha suba da estadía media, acompañada dun incremento das tarifas hoteleiras. A demanda turística é inferior á de 2017, cando Galicia superou todos os seus récords, pero continúa a estar por riba de todos os anos anteriores, afianzando así o traballo desenvolvido no último lustro e coa vista posta na celebración do vindeiro Xacobeo 2021, que suporá un reforzo neste sentido.
Entre os aspectos máis salientables atópase tamén o feito de que os galegos se animen cada vez máis a facer turismo dentro da súa propia Comunidade. Isto permite ao turismo interno rozar os 1,2 millóns de noites en sete meses, a cifra máis elevada da década.
Nese contexto de mellora, o sector hoteleiro de Galicia tivo uns ingresos de 145 millóns de euros entre xaneiro e xullo, contribuíndo ao emprego e ao desenvolvemento económico.
Dentro da colaboración estable da Xunta, nos vindeiros días comezarán a promoverse os diferentes produtos da tempada de outono como parte dos obxectivos de desestacionalizar a demanda turística, poñendo en valor os recursos máis destacados de cada época do ano.
R., 2018-08-24
Actualidad

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, esixiu esta mañá ao Goberno central que ofreza 'explicacións convincentes' sobre os fallos detectados nas pulseiras antimaltrato e que 'tome solucións inmediatas'. Na súa intervención no Senado, solicitou que se dea a Galicia e ao resto de comunidades autónomas información sobre o alcance real destas incidencias. Fabiola García, que participou na sesión monográfica sobre violencia de xénero que tivo lugar hoxe no seo da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, indicou que a Xunta está recompilando información sobre os posibles casos acontecidos en Galicia e garantiu o apoio do Goberno galego a todas aquelas vítimas que se puideron ver afectadas.

A Cidade da Cultura apoia a creación contemporánea internacional ligada ao Camiño de Santiago coa estrea de Horizontes Errantes, un proxecto de danza e peregrinación artística da coreógrafa española Laura Aris e o bailarín alemán Jakob Jautz. A peza nútrese dos relatos da terra e dos seus habitantes, recollidos ao longo de 15 días de travesía entre Asturias e Santiago de Compostela seguindo o Camiño Primitivo. Así, durante desta semana, ambos os dous artistas estarán a traballar co músico portugués Jorge da Rocha no Gaiás, como parte do programa de residencias artísticas co que a Consellería de Cultura ofrece financiamento, espazos e recursos técnicos da Cidade da Cultura para facer realidade propostas de investigación e creación no ámbito da cultura contemporánea.
Notas
Un equipo internacional liderado polo investigador do CITIC Xabier Pérez Couto reconstruíu a historia orbital do terceiro obxecto interestelar detectado no noso Sistema Solar: 3I/ATLAS. O traballo, dispoñible no repositorio aberto arXiv e enviado para publicación á revista científica The Astrophysical Journal, revela a traxectoria seguida por este cometa ao longo dos últimos 10 millóns de anos na Vía Láctea. 3I/ATLAS foi descuberto o pasado 1 de xullo polo sistema ATLAS en Chile.
O 26 de setembro volve á USC a Feira de Emprendedoras de Compostela, que nesta sétima ocasión leva por lema 'Un modelo económico arredor dunha vida saudable'. A cita será desde as 10.00 ata as 18.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química. A feira, organizada por Woman Emprende co apoio do Concello de Santiago, trae da man unha proposta transformadora como é a de repensar a economía desde unha perspectiva que pon o foco na saúde e o benestar das persoas.