Noticias

'Atardecer no Gaiás' trae a multinstrumentista Dom La Nena, unha das novas voces femininas máis brillantes do panorama internacional

Atardecer no Gaiás —o ciclo de concertos ao solpor e de balde durante o verán da Cidade da Cultura de Galicia— contará esta semana coa actuación da multinstrumentista Dom La Nena, unha das novas voces femininas máis brillantes do panorama internacional, que con tan só 29 anos está a recibir eloxios da crítica especializada de medios como The New York Times, The New Yorker, Wall Street Journal, L’Express, Le Figaro ou El País. Dom La Nena naceu no Brasil, criouse na Arxentina e vive en Francia. Deste periplo vital dan constancia o abano de idiomas dos seus temas e tamén se reflicte no seus rexistros musicais, que flutúan entre o jazz, pop e a bossa nova.

Todos eles caracterizados por melodías intimistas, nas que destaca a dozura da súa voz e o seu talento como cellista.

O cello é un dos múltiples instrumentos que toca desde os 5 anos e no que amosa un gran virtuosismo, produto da formación recibida pola gran mestra Cristine Waleska coñecida como a ‘Deusa do cello’. O seu manexo deste instrumento levouna a tocar con Jane Birkin tanto en estudio como en xiras e ten colaborado tamén con figuras con Jeane Moreau e Piers Faccini.

En todo caso, haberá que esperar ao sábado, día 14, para poder gozar no Escenario Alhambra das súas composicións e do seu repertorio, onde nunca faltan melodías populares con versións de clásicos eternos como Duerme, duerme, Negrito ou Gracias a la vida, de Mercedes Sosa.

Ritmos mexicanos e música en galego

A apertura desta semana de Atardecer no Gaiás recae en La Redada. O combo mexicano autodefínese como “o remedio infalible á escaseza de baile no mundo actual”. Con esta carta de presentación ateigarán mañá xoves, día 12, a Praza Central da Cidade da Cultura, con ritmos psicodélicos-tropicais que van desde o danzón, ao chachachá ou o funk. Sons, moitos deles, versionados da música latina dos anos 30 do século pasado e que rescatan de entre vinilos de segunda man xa esquecidos.

O baile tamén está garantido para a sesión do venres de Atardecer no Gaiás. Desta vez, da man de A Banda da Loba que ofrecerá rock, pop e folk en galego. Estas cinco mulleres musicalizan tanto a poetas galegas senlleiras como contemporáneas ofrecendo un fantástico calidoscopio musical para pórlle banda sonora ao quinto solpor do ciclo.

Estes tres concertos forman parte das 21 actuacións que completan o programa de Atardecer no Gaiás 2018, unha edición que este ano se caracteriza —ademais de por unha maior presenza das músicas urbanas— pola aposta por voces femininas, tal e como demostra o cartel desta semana.

Andaina nocturna tras o concerto de La Redada

Toda a información das bandas e artistas deste ciclo —co que colabora o Instituto Nacional de Artes Escénicas y Musicales (Inaem) e que conta co patrocinio de Cervezas Alhambra— pode consultarse na páxina web da Cidade da Cultura www.cidadedacultura.gal. Para poder asistir aos concertos, que en todos os casos comezarán ás 21 horas, cóntase con servizo de autobuses urbanos que amplía o seu horario de baixada ao centro da cidade, das 23 a 00.30 horas, cando hai pinchada musical con DJ, completando algunha actuación.

Ademais, este xoves hai sesión nocturna de Camiño ao Gaiás, polo que todas as persoas que o desexen —ao acabar o concerto de La Redada— poden baixar a pé á zona vella de Santiago nunha andaina guiada, que permite coñecer a faciana nocturna da ruta natural e tamén patrimonial que une a Cidade da Cultura co centro histórico compostelán. Unha actividade, de balde pero con inscrición, das case 70 que conforman o programa de Verán no Gaiás.

R., 2018-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES