Noticias

A undécima edición de Espazos Sonoros percorre o patrimonio histórico cunha programación musical de oito concertos

O festival Espazos Sonoros 2018 celebra do 1 de setembro ao 7 de outubro a súa undécima edición cun programa de oito concertos en espazos singulares do patrimonio galego. A música, a arquitectura e a paisaxe volven ser protagonistas deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación e que este ano propón un achegamento a edificacións históricas dos concellos de Ribeira, Sobrado, Baiona, Amoeiro, Foz, Castrelo de Miño, O Incio e Muxía, a través dunha programación musical que tamén inclúe andainas, visitas guiadas e obradoiros.

A illa de Sálvora, o campamento romano da Ciadella, a igrexa de Santa María, a Casa Grande de Trasalba ou a Fortaleza da Frouxeira son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como a Capella Sancta Maria, un dos conxuntos vocais profesionais europeos máis recoñecidos do momento, especializado no Renacemento; o cuarteto de música de cámara M.Sancho Quartet, o trío de frautistas austríacas Vivid Consort ou o conxunto Romanza, encargado do concerto de clausura, que interpretará un repertorio baseado nas cantigas de Martín Códax recollidas no Pergamiño Vindel.

A programación da undécima edición, que xa pode consultarse en www.espazossonoros.org, foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola directora artística de Espazos Sonoros, Belén Bermejo, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao ciclo como “unha forma distinta de vivir a música, nun continuo descubrimento de sons e melodías, de instrumentos e intérpretes”, que invita ao redescubrimento de monumentos sobranceiros de Galicia, “ao ofrecer unha nova forma de achegarnos e relacionarnos con eles”.

Destacou o responsable de Cultura que “neste Ano Europeo do Patrimonio Cultural non podía faltar un evento como Espazos Sonoros, que segue a medrar e a consolidarse no calendario cultural do noso país, renovando a súa orixinal aposta musical”.

Descubertas musicais e patrimoniais

O festival comeza o 1 de setembro cunha visita guiada á illa de Sálvora, que forma parte do arquipélago das Illas Atlánticas e a visita a unha casa de labranza reconstruída ao xeito do século XIX no lugar de Temperán, no Grove, na que se evocarán melodías, ritmos e tradicións musicais da península Ibérica co concerto de Marés. Ao día seguinte, a descuberta do campamento romano da Ciudella irá seguido da interpretación de música barroca arranxada para conxunto de cámara de saxofóns, da man de Sax Antiqua.

A igrexa de Santa María de Baiona será, o día 8 de setembro, o marco para o concerto de Capella Sancta Maria, un conxunto vocal composto por un cadro internacional de consagrados cantantes de primeira liña e un repertorio especializado na música do Renacemento. O sábado 15, a cita terá lugar na Casa Grande de Trasalba, onde á xornada literaria e de lecer arredor da figura de Ramón Otero Pedrayo lle porá o ramo o concerto de M.Sancho Quartet.

O domingo 16, unha andaina guiada polo historiador Anselmo López Carreira ata a fortaleza da Frouxeira seguirá os pasos do mariscal Pardo de Cela na súa defensa do Reino de Galicia. A xornada remata co concerto de Vivid Consort, previo paso pola basílica de San Martiño, da que se fará unha visita comentada. O domingo seguinte, 23 de setembro, terá lugar o obradoiro de achegamento á música antiga en Santa María de Castrelo, no concello de Castrelo de Miño, no que tras coñecer a crecente industria artesanal dedicada á luthería en Galicia, os asistentes poderán gozar de música ao vivo interpretada por unha ampla colección de instrumentos antigos elaborados por diversos artesáns.

Xa rematando setembro, o día 30, farase unha ruta polo patrimonio arqueolóxico, xeolóxico e industrial do Incio, que rematará á tardiña cun concerto na igrexa de San Pedro Fiz do Hospital a cargo do conxunto Per-Sonat, especializado na interpretación vocal de música antiga. O festival remata o día 7 de outubro coa ruta dos Muíños en Muxía, un percorrido circular que parte e volve á igrexa de San Xiao de Moraime, onde terá lugar o concerto de clausura, a cargo de Romanza, un conxunto vocal e instrumental, entre os que está o arpista galego de renome internacional Manuel Vilas, que explora os repertorios da música medieval peninsular e occitana, e que ofrecerá un repertorio baseado no Pergamiño Vindel.

Programación cultural arredor do patrimonio

A Consellería vén promovendo toda unha serie de actividades que contribúen á difusión e á valoración social do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. A principios de agosto tamén botará a andar Monumenta, que nesta nova edición, baixo a epígrafe Andar con arte, convida a camiñar para vivir e descubrir o patrimonio material e inmaterial galego. Ademais, a Secretaría Xeral de Cultural continúa apoiando diferentes ciclos musicais que dinamizan os espazos históricos de distintas vilas, como son os ciclos de órgano de Celanova ou o de música relixiosa de Barcia de Mera. Estas actividades poderán consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal.

R., 2018-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES