As escritoras Susana Fortes e Marica Campo serán as protagonistas este ano da XXIII edición dos Encontros Literarios, organizados polo Liceo de Ourense e patrocinados por esta entidade cultural, a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo Campus de Ourense- coa colaboración da Fundación Carlos Casares. O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do evento, que contou coa participación do presidente provincial, Manuel Baltar, a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras, o xerente do Liceo, José Luis Troitiña, e o presidente da Fundación Carlos Casares, Javier Casares.
Nesta edición, na que se conmemoran os 23 anos ininterrompidos dunha das actividades literarias máis importantes de Ourense, o lema dos Encontros é Escritoras nos comenzos do século XXI, e servirá tamén para lembrar a figura de dous intelectuais que fixeron posible o éxito deste evento: por unha banda Carlos Casares, creador dos Encontros Literarios e Marcos Valcárcel, continuador deste labor desenvolvido por Casares, a prol de espallar a cultura galega contemporánea e, ao mesmo tempo, atraer a Galicia as achegas das letras dos creadores que en castelán e noutras linguas fan da literatura o seu xeito de entender a vida, explicou Manuel Baltar.
O presidente da Deputación de Ourense destacou a colaboración e apoio da institución provincial, ás iniciativas que dignifican e dan valor de seu ao noso creando a cultura da cooperación, porque así se entende que esteamos hoxe aquí falando dun evento que leva 23 anos perfectamente consolidado e sendo todo un referente literario.
O primeiro dos Encontros Literarios terá lugar o 10 de maio, ás 20.15 horas, no Salón Noble do Liceo de Ourense, coa conferencia da escritora Marica Campo, titulada A razón de ser dunha escritora galega hoxe. E o día 13 de maio, á mesma hora e lugar, a escritora Susana Fortes disertará sobre vivir otras vidas.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.