Notas de prensa

ADNideas promove no Gaiás obradoiros de rap, graffiti e break dance

ADNideas, iniciativa do coworking da Consellería de Cultura, baixo o título CreaActiva, diríxe estes obradoiros dos días 17, 18 e 19 de maio a nenas e nenos de 12 a 14 anos que traballarán en equipo na xeración de ideas aplicables e no desenvolvemento de habilidades persoais.

O Centro ADNideas, con sede no espazo coworking de emprendemento cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, desenvolverá en colaboración coa Asociación Vella Escola un programa de dinamización cultural destinado a rapaces e rapazas de 12 a 14 anos que terá lugar os próximos días 17, 18 e 19 de maio no Gaiás. Entre outras actividades, os participantes traballarán en obradoiros que utilizan as potencialidades das manifestacións propias da cultura urbana, como o rap, o graffiti ou o breakdance, co obxectivo de xerar ideas aplicables ao impulso de espazos culturais de Santiago de Compostela.

Baixo o título CreaActiva-T, a iniciativa pretende facilitar a interacción directa da xuventude co seu contorno coñecido a través de actividades culturais que teñan baixo impacto ambiental e alta implicación social, orientadas a fomentar valores relacionados con hábitos sociais do ámbito da saúde e o coidado do medio, ao mesmo tempo que lles brinda aos participantes a oportunidade de mellorar a súa calidade de vida mediante o emprego construtivo do tempo de lecer.

A inscrición, que se pode formalizar a través do envío do formulario que se atopa na web www.adnideas.com e o pagamento previo de 72 euros, inclúe todas as actividades propostas entre as 10:00 e as 20:00 horas, así como o xantar e a merenda dos tres días na Cidade da Cultura.

Workshops temáticos

A oferta completa articúlase nun total de sete workshops que lles permitirán aos participantes desenvolver diferentes habilidades persoais destinadas a motivar actitudes emprendedoras para o desenvolvemento das súas propias ideas, a través da creación dunha dinámica positiva de grupo e da participación activa no fomento da sensibilización respecto ao sector cultural. Potenciarase, así mesmo, a intervención artística mediante actividades culturais que dean resposta ás necesidades de creación e expresión dos rapaces e rapazas nesa franxa de idade.

Deste xeito, o venres 17 terán lugar os dous primeiros workshops: o da mañá, centrado en poñer en relación innovación e emprendemento; e o da tarde, un rap de versos en galego, que ten por obxectivo fornecer as habilidades comunicativas e a capacidade de expresión verbal ao tempo que se promove o uso da lingua galega e a transmisión de mensaxes positivas facendo uso do valor da improvisación como base para a innovación e a creatividade.

Para o día 18 están previstos tres talleres: un de márketing cultural, no que se identificarán e se explicarán conceptos como mercado, competencia, consumidor ou posicionamento de marca; outro sobre xestión de tempo e un terceiro que utilizará a técnica do graffiti e as súas potencialidades como ferramenta non verbal colectiva e como medio para fomentar e favorecer a convivencia harmónica, reforzando a responsabilidade e promovendo o respecto pola conservación de espazos públicos.

O último día terá lugar un obradoiro de breakdance e outro de comunicación. No primeiro deles utilizarase a orientación máis lúdica e emocional do break como disciplina cultural que permite o desenvolvemento de actitudes positivas fronte a retos e barreiras, tales como a pescuda da superación persoal e a potenciación da autoestima cara a mellora na calidade de vida. A última acción xirará arredor dun workshop de comunicación, no que a finalidade é realzar a utilidade das técnicas de presentación, para o que se identificarán os erros principais e se exercitará a súa corrección. Como actividade de peche, os participantes presentarán os traballos realizados durante os tres días a unha serie de convidados e aos propios familiares.

Co emprendemento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu a principios deste ano o espazo ‘Emprende Cultura Gaiás’, no que profesionais das industrias culturais poden alugar un espazo onde desenvolver os seus proxectos empresariais. Esta iniciativa de emprendemento, prevista no Plan Gaiás, ten como obxectivo potenciar a produción dos eidos cultural e creativo en Galicia.

Para a xestión deste espazo, situado no Centro de Emprendemento Creativo de Galicia do Gaiás, a Fundación Cidade da Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) asinaron un convenio que fixa as bases e convocatorias para a selección e seguimento de participantes.

A estas prazas poden optar profesionais das industrias culturais: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet e todos aqueles que teñan vinculación co sector cultural. Admítense tanto profesionais independentes como emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-05-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES