Notas de prensa

Máis de 1.200 alumnos galegos xa viron o espectáculo do CDG Días sen gloria

No marco da campaña escolar no Salón Teatro de Santiago de Compostela, máis de 1.200 alumnos galegos viron espectáculos teatrais e accederon ao caderno pedagóxico arredor da obra de Vidal Bolaño, homenaxeado coas Letras Galegas 2013.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu no Salón Teatro de Santiago a campaña escolar de difusión teatral arredor do espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Días sen gloria, versión da obra de Roberto Vidal Bolaño baixo a dirección de Fefa Noia á que asistirán máis de 1.200 alumnos dunha vintena de centros educativos de toda Galicia.

A compañía institucional, que o venres 5 de abril estreou esta produción coa que homenaxea ao autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, ofrecerá na súa sede compostelá un total de seis funcións matinais –os días 10, 11, 17, 18, 24 e 25 deste mes ás 11.00 horas–, ás que acudirán grupos de estudantes a partir de 14 anos de idade acompañados dos seus profesores. O obxectivo desta campaña é impulsar a difusión da figura de Vidal Bolaño entre os escolares galegos, así como afondar tanto nas claves do espectáculo que interpretan Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta, como en distintos aspectos do feito escénico en xeral.

Uns 150 estudantes de Ferrol, Valga e Viveiro inauguraron hoxe esta iniciativa, na que tamén participarán institutos de A Baña, A Estrada, Allariz, Arzúa, Caldas de Reis, Lugo, Monterroso, Rois, Santiago de Compostela e Xinzo de Limia. Unha vez completada a estadía de Días sen gloria no Salón Teatro, o espectáculo iniciará unha xira ata finais de xuño á que se estenderá tamén esta campaña escolar, con outras 11 funcións específicas para estudantes noutras tantas localidades galegas: O Barco de Valdeorras (2 de maio), Ourense (6 de maio), Tui (9 de maio), A Estrada (13 de maio), A Coruña (16 de maio), Ribadeo (20 de maio), Narón (24 de maio), Pontevedra (29 de maio), Rianxo (3 de xuño), Vigo (10 de xuño) e Lugo (13 de xuño).

Caderno pedagóxico

Como ferramenta didáctica de apoio a esta campaña, a unidade de produción teatral da Consellería de Cultura e Educación editou un caderno pedagóxico elaborado por Montserrat Pena Presas, integrante de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Deste xeito, os profesores poderán traballar cos seus alumnos arredor desta obra de Vidal Bolaño e da súa versión escénica tanto antes como despois da súa asistencia ao espectáculo.

O material, que está dispoñible para a súa descarga na web www.centrodramatico.org , propón distintas actividades e exercicios a partir de dous grandes bloques temáticos: o de Roberto Vidal Bolaño na cerna do teatro galego e o de Días sen gloria no contexto da produción de Roberto Vidal Bolaño, con especial tratamento tanto ao texto dramático orixinal (argumento, significación, influencias) como ao texto do espectáculo.

Esta nova produción do Centro Dramático Galego permanecerá ata o vindeiro 28 de abril no Salón Teatro de Santiago, onde ofrecerá tamén tres función semanais para o público xeral: venres e sábado ás 20.30 e domingos ás 18.00h.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-04-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES