O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares Paz, asinaron un protocolo de colaboración para desenvolver un programa de actuacións dirixidas a promover e fomentar o uso da lingua galega en todos os ámbitos sociais. Desta forma ambas as entidades renovan a súa colaboración anual nesta materia, que no 2013 se centrará na conmemoración dos 50 anos do proceso de normalización lingüística.
No acto tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Henrique Monteagudo.
Actuacións
Ao abeiro deste protocolo, o CCG elaborará o documento audiovisual Cincuenta anos do proceso de normalización lingüística, que recollerá as testesmuños de diferentes intelectuais e persoas que contribuíron a engrandecer a nosa lingua e a favorecer o seu uso en todos os ámbitos da vida social e profesional desde os anos 60.
Ademais, tamén se organizarán os XV Encontros para a Normalización Lingüística, que nesta ocasión afondarán na análise e no debate sobre o proceso normalizador centrándose na evolución do galego no derradeiro medio século e tendo en conta fitos de tanta importancia como a aprobación da Lei de Normalización Lingüística, en 1983, ou o Plan xeral de normalización da lingua galega, no ano 2004.
A terceira das actuacións contempladas no protocolo é a edición dun libro sobre a lingua e a cultura galegas en Cuba, Galicia en Cuba, que recolle diferentes colaboracións do escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.
Colaboración entre as entidades
A Consellería e o CCG iniciaron en 2010 a colaboración en materia de normalización lingüística, cando por primeira vez as dúas entidades asinaron un protocolo de colaboración para favorecer o desenvolvemento de actuacións de dinamización da lingua galega.
Ao abeiro destes protocolos téñense impulsado ferramentas e recursos técnicos para a Rede de Dinamización Lingüística - da que o CCG forma parte-, como a Biblioteca para a normalización lingüística, o buscador de novas de actualidade relacionadas coa sociolingüística Lingua en titulares, a plataforma d-Lingua -a primeira de recursos compartidos para a dinamización da lingua galega- ou o boletín Novas da Rede de Dinamización Lingüística, destinado a darlles cobertura e difusión aos materiais e recursos técnicos creados pola Rede e polas súas entidades.
Ademais, a Consellería e o CCG colaboran este ano na realización de actividades conmemorativas do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.