
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converte do 29 ao 31 de marzo o Gaiás no escenario do Torneo Nacional de Debate, unha batalla dialéctica na que vinte equipos de universidades procedentes de toda España loitarán para alzarse co título de vencedores na arte da oratoria e da retórica.
A Biblioteca e Arquivo de Galicia será a sede desta primeira edición do Torneo Nacional de Debate na que competirán un total de setenta estudantes universitarios, de segundo ciclo e de máster. O obxectivo principal deste evento é fomentar a arte da palabra entre os estudantes, polo que ademais do aspecto competitivo, organizarase unha clase maxistral dirixida a todos os participantes sobre como falar en público, preparar un debate, manexar os tempos e a comunicación non verbal.
A celebración do Torneo Nacional de Debate en Santiago de Compostela permite reunir durante catro días na cidade a un total de oitenta estudantes e profesionais de todos os puntos de España, o que supón unha oportunidade única para dar a coñecer e proxectar fóra das nosas fronteiras non só a capital galega, senón o propio complexo da Cidade da Cultura. O acceso dos espectadores a cada un dos debates será libre e de balde, incluído o debate final, co fin de achegar esta actividade ao público xeral.
Competición e formación
Todos os debates deste torneo serán analizado por un conxunto de xuíces de recoñecido prestixio e ampla experiencia na área da dialéctica composto por profesionais da comunicación, o dereito, a política, profesores universitarios e ex participantes en torneos de debate. Este amplo xurado decidirá que equipo domina mellor a arte da oratoria e da retórica e que reúne máis talento para a investigación, documentación e traballo en equipo.
Durante a xornada do venres 29 e o sábado 30, os equipos enfrontaranse nas fases preliminares ao redor dun tema elixido pola organización e non coñecerán a postura a defender ata minutos antes da súa intervención. A gran final terá lugar o domingo 31 de marzo ás 12,30 horas no auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, unha última batalla de onde sairá o gran gañador, que recibirá un premio en metálico de 1.200 euros. Ademais, sortearase entre todos os equipos presentes unha estancia de tres días con pensión completa no parque natural do Xurés por cortesía de Turismo de Galicia.
Ademais da Consellería de Cultura e Educación e dos patronos da Fundación Gaiás, o Torneo Nacional de Debate conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Cátedra Dr. Jaime Vera de Emprendemento Social da USC, a Cátedra Bancaja de Jóvenes Emprendedores e Turismo de Galicia.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.