O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle o mércores 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, a gala de entrega dos Premios María Casares, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a súa celebración como a festa da escena galega na que se recoñece o labor desenvolvido en 2012 polos profesionais do sector.
O evento organizado cada ano pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) volve contar así co respaldo do departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, materializado a través do apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da asistencia loxística e técnica por parte do Centro Dramático Galego (CDG).
O acto de presentación da cerimonia de entrega destes galardóns tivo lugar hoxe no Pazo de María Pita da Coruña presidido pola concelleira de Cultura, Ana Fernández, e coa participación, en representación da Consellería de Cultura, de Manuel Guede Oliva, director do CDG. Tamén interviñeron Antonio Durán Morris, membro da Xunta directiva da AAAG, e os actores da compañía BaCaNa Marcos Orsi e Xúlio Abonjo, condutores da gala deste ano e responsables tamén da súa dirección e guión.
Con Ratman e Bobyn
Os dous intérpretes explicaron o punto de partida e o fío argumental da cerimonia, que se valerá dos personaxes de Ratman e Bobyn, os dous superheroes creados pola súa propia compañía, para conducir unha velada que pretende ser amena, dinámica e divertida.
A dirección artística correrá a cargo de Suso Montero e a Marta Horjales correspóndelle a produción executiva e coordinación xeral dos premios. O traballo de Montero destaca por unha concepción sinxela, no que prima o cartón de embalaxe como motivo estético. A filosofía creativa busca poñer en valor o traballo artesanal e manual na construción dos elementos decorativos e da escenografía. A música tamén estará presente ao longo da cerimonia mediante a interpretación dunha banda conformada por Alejandro Casquero (teclados), Fidel Vázquez (guitarra e voz), Max Gómez (batería) e Xacobo Prieto (baixo e voz).
Homenaxe a Pilar Pereira
A partir das 20:00 horas irán dándose a coñecer os nomes dos gañadores e farase entrega dos XVII Premios María Casares nas súas 13 categorías, ás que concorren 17 espectáculos do total de 28 que presentaron candidaturas. Dous dos momentos centrais da noite serán a entrega do Premio de Honra Marisa Soto á actriz Pilar Pereira e a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro a cargo de Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Os María Casares recoñecen o traballo dos profesionais do teatro nos distintos ámbitos de creación e produción en espectáculos en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012. Cun total de 10 finalistas, Viaxe a ningunha parte, de Sarabela Teatro, sitúase á cabeza das montaxes candidatas canto a número de nomeamentos, xunto ao espectáculo Tokio 3, de Voadora, que aspira a nove galardóns.
A gala, que comezará ás 20.00 horas, será retransmitida pola Televisión de Galicia e, este ano, terá presenza en directo en Twitter a través do perfil que a Asociación de Actores e Actrices está a poñer en funcionamento para seguir ampliando a súa comunicación a través da rede, que será @TuitsdaAAAG. Durante a súa celebración promoverase, asemade, o hastag #oscasares.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.