
O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro presentouno Museo de Lugo o catálogo que recolle as fotografías expostas na mostra que estivo no propio Museo Instantes na Memoria: fotografías de Salvador Castro Freire (1869-1952). Na presentación, o delegado estivo acompañado da comisaria da exposición e responsábel da catalogación, María Quiroga Figueroa.
Tal e como destacou Mario Outeiro, cando se ideou a montaxe da exposición dos fondos do Arquivo de Salvador Aurelio Castro Soto Freire, que agora o catálogo recolle, fíxose co obxectivo de mostrar fondos de reserva, que habitualmente non figuran na exposición permanente pero que están dentro das coleccións custodiadas polo Museo. Moitas das fotografías que aquí aparecen son inéditas e de seguro que con esta publicación conséguese amosar unha nova perspectiva do Lugo de fins do século XIX e principios do XX. Trátase dun verdadeiro arquivo visual con máis de duascentas fotografías e negativos orixinais de Castro Freire que recollen as transformacións urbanísticas que sofre Lugo nunha época de grandes cambios, polo que son documentos históricos e artísticos que forman parte do noso patrimonio cultural tamén entendido como un signo identitario e como un xeito de reflexión/unión entre o pasado, o presente e o futuro.
O delegado de Cultura e Turismo tamén afirmou que desde a Área de Cultura comprácenos resaltar con esta publicación un legado cultural para o estudo e desfrute das xeracións vindeiras e tivo palabras de agradecemento para o traballo realizado pola comisaria, María Quiroga Figueroa, e a todas as persoas, que foron moitas, que dunha ou doutra maneira colaboraron para que este proxecto que hoxe presentamos vise a luz.
O catálogo ofrece a posibilidade de achegarse á evolución da fotografía como disciplina artística, visualizando os antigos procedementos técnicos e a experimentación das súas posibilidades. Tamén, como documento gráfico, as obras que se amosan conxelan un instante e permítenlle á memoria histórica visual lembrar un pasado da cidade e da provincia de Lugo que xa non existe e axudan a poñer en valor a un autor lucense de gran valía.
As fotos son variadas en temas, alternando panorámicas xerais con vistas de monumentos concretos, e compleméntanse coa posibilidade de ver as placas e o estereoscopio utilizados naqueles momentos. Unha circunstancia que propicia que este proxecto se poida converter nun referente de grande importancia.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.