Notas de prensa

O ciclo audiovisual Vidal Bolaño recupera Anxeliños! e Animaliños no Principal

O ciclo audiovisual Vidal Bolaño adica dúas novas sesións aos espectáculos que o autor homenaxeado nas Letras Galegas escribiu e dirixiu para a súa compañía Teatro do Aquí: Anxeliños! de 1997, que centrará a sesión do mércores 20, e Animaliños, a do xoves 21.

O ciclo audiovisual Vidal Bolaño recuperado, a través do que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a analizar mediante o seu visionado algunhas das principais pezas teatrais do autor homenaxeado no Día das Letras, dedicará as sesións desta semana a dous dos espectáculos que escribiu e dirixiu para a súa compañía Teatro do Aquí: Anxeliños! de 1997, que centrará a sesión do mércores 20, e Animaliños, a do xoves 21.

Con estas dúas novas citas audiovisuais remata a primeira quenda do programa organizado a través do Centro Dramático Galego (CDG), que regresará ao Salón Teatro en novembro para afondar noutros seis espectáculos asinados polo dramaturgo e director compostelán. Todas as sesións, programadas para as 19.00 horas e de entrada libre ata completar a capacidade, articúlanse en torno a diferentes fragmentos de vídeo dos espectáculos, que son comentados polos especialistas e dan pé así mesmo a un coloquio aberto á participación do público.

O profesor Xosé Manuel Fernández Castro iniciará a cita de mañá coa análise de Anxeliños!, que Teatro do Aquí estreou a primeiros de 1997 e na que o propio Roberto Vidal Bolaño interpretaba o papel protagonista xunto a un elenco do que formaban parte Evaristo Calvo, Anabell Gago, Xoán Carlos Mejuto e Ursia Gago.

Comedia satánica

Esta “comedia satánica”, tal e como foi presentada pola propia compañía, xira arredor da crise que afecta a unha axencia de cobro de morosos e con ela, Teatro do Aquí desenvolveu unha extensa xira dentro e fóra de Galicia con gran éxito de público, tal e como recolle Fernandez Castro no seu estudo A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño.

A sesión do xoves correrá a cargo da escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva, quen ofrecerá as claves da posta en escena de Animaliños, último espectáculo estreado por Vidal Bolaño antes do seu pasamento en setembro de 2002 e premiado ao ano seguinte cos María Casares ao mellor espectáculo, dirección, texto orixinal e iluminación. Mónica Camaño, Avelino González e Rubén Ruibal foron os intérpretes desta proposta, co que se pechaba ademais unha triloxía crítica con diferentes aspectos da sociedade contemporánea da que tamén forman parte Criaturas e Anxeliños!

A análise de ambos espectáculos apoiase no material audiovisual cedido para este ciclo polo Centro de Documentación Teatral do INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música).

O ciclo Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais, que forma parte da programación especial que o Centro Dramático Galego dedica este ano ao autor, continuará no mes de novembro con seis sesións arredor das producións do CDG As actas escuras, Xelmírez ou a gloria de Compostela, A burla do galo e Mar revolto, así como da montaxe Rastros de Teatro do Aquí e Caprice de Dieux de Antroido.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-02-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES