
O grupo lucense OS MINHOTOS presentou o seu traballo discográfico PINGA D´AUGA. O disco contén doce temas nos que se misturan gaitas en diferentes tonalidades, acordeón, zanfona e multitude de instrumentos de percusións. PINGA D´AUGA é o primeiro disco do quinteto formado por músicos de Lugo e da Terra Chá. Os integrantes de OS MINHOTOS presentaron o cd como non podía ser doutra maneira na rúa do Minho, no Paz odas Pombas. Durante o acto de presentación OS MINHOTOS explicaron como fora o proceso de creación que deu como froito esta PINGA D´AUGA e interpretaron varios dos temas recollidos no disco.
Un total de doce temas compoñen este traballo discográfico que pretende ser, como o nome do mesmo indica, unha pinga minhota que contribúe a crear ese inmenso mar das músicas feitas neste país. Moitos dos temas interpretados por OS MINHOTOS son arranxos de temas tradicionais pero tamén hai temas de autor e colaboracións de instrumentistas procedentes de diversas formacións.
Xaneco Tubío fixo un percorrido pola orixe do grupo formado por xente que sempre estivo moi ligada á música tradicional e ao traballo nas asociacións culturais. Ademais todos os compoñentes de OS MINHOTOS contan con formación en escolas de música e conservatorios ademais de manter, algúns dos compoñentes, unha estreita relación coa construción de instrumentos.
Pola súa banda Alberto Castro presentou aos compoñentes de grupo facendo un percorrido polo curriculo musical de cada un deles. Vitor Otero explicou, na súa intervención, a filosofía do grupo, os proxectos de futuro, e como con este traballo OS MINHOTOS pretenden aportar unha pinga de auga ao mar da música galega vertendo nos ríos do son a nosa estética.
Paula Fernández falou da ducía de temas que compoñen o disco. Temas nos que se misturan os temas tradicionais cos de autor e tamén arranxos de temas recollidos nos cancioneiros. PINGA D´AUGA contén pezas que foron interpretadas ou creadas por persoas que xogaron un papel transcendental na formación, como músicos, dalgúns compoñentes d´os Minhotos este é o caso do mestre Enrrique Candal ou, do avó de Bruno, Ramiro Villamor.
Antes de interpretar varios temas, Bruno Villamor falou do proceso de creación do disco, tanto na parte musical como no deseño da embalaxe do cd. Bruno agradeceu o traballo de quen é o sexto Minhoto, Oscar Trigo, que fixo da gravación musical algo moi sinxelo e agradable. Bruno Villamor agradeceu tamén o traballo dos colaboradores que interviñeron na gravación e a xenerosidade do fotógrafo Vicente Ansola.
Os compoñentes de OS MINHOTOS son:
Alberto Castro: Gaita, Pandeiro, Pandeireta, Bombo
Bruno Villamor: Gaitas (Re, Do, Sol), Zanfona, Requinta, Pandeireta, Tamboril.
Paula Fernández: Acordeón.
Vitor Otero: Zanfona, Gaita, Percusións.
Xaneco Tubío: Tamboril, Pandeiro, Pandeireta, Tixoletas, Ferriño, Bombo
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.